Marga Caldas subliña que o alcalde ponse “de perfil” para non incomodar ao PP da Xunta en lugar de reclamar un servizo básico para a veciñanza
O BNG de Poio denunciou hoxe a grave situación sanitaria que está a sufrir o municipio tras quedar sen pediatras en activo nos centros de saúde. A voceira nacionalista Marga Caldas preguntou no último pleno municipal ao alcalde, Ángel Moldes, se o goberno local realizou algún tipo de “movemento” para reclamar ao Sergas solucións urxentes e defender uns servizos sanitarios dignos para a veciñanza, xa que considera “inaceptable” a pasividade amosada até o de agora polo PP local ante a “demolición” da sanidade pública por parte da Xunta no municipio.
Caldas advirte de que a ausencia de profesionais de Pediatría deixa nunha situación límite a numerosas familias do municipio, obrigadas a desprazamentos ao servizo de Urxencias do Hospital Provincial en Pontevedra, demoras ou a unha atención insuficiente nun servizo esencial. “É inadmisible que un concello como Poio quede sen pediatras mentres o alcalde permanece calado e sen reclamar nada”, criticou.
O Bloque lembra que o deterioro da Atención Primaria no municipio é progresivo e cada vez máis grave, tanto polos peches e restricións horarias nos centros de saúde como polas demoras nas citas médicas e a falta de cobertura de vacantes. A formación nacionalista considera que a veciñanza está a quedar totalmente desatendida e tamén abandonada por Moldes como máximo representante político municipal ante o goberno galego.
Segundo subliña Caldas, “cando estaba na oposición, Moldes apoiaba manifestacións, reclamacións e iniciativas en defensa da sanidade pública, mais agora que é alcalde decidiu poñerse de perfil para non incomodar ao PP da Xunta”. A voceira insiste en que o rexedor “quitou a careta” e deixou claro que “prefire defender os intereses do seu partido antes que os dereitos da veciñanza de Poio”.
O BNG tamén lamenta que o goberno local teña abandonada a Mesa de defensa da sanidade, un órgano que no anterior mandato servía para coordinar reclamacións veciñais e facer seguimento das necesidades sanitarias do municipio. “Antes había traballo, coordinación e presión institucional para conseguir melloras; agora hai silencio e resignación”, sinala a nacionalista.
Amais, o Bloque considera especialmente grave que esta situación se produza mentres continúa paralizado o proxecto do novo centro de saúde previsto na Canteira. Caldas lembra que o único que fixo o goberno de Moldes foi converter os terreos nun vertedoiro e deixar pasar o tempo sen avances nin explicacións.
A formación nacionalista reclama ao Concello que abandone a súa actitude “submisa” ante o Sergas e esixa de maneira inmediata a cobertura das prazas de Pediatría, así como os recursos necesarios para garantir unha Atención Primaria pública e de calidade en Poio.

