O BNG de Poio denuncia reiterados cortes de subministro eléctrico en San Salvador e esixe explicacións e solucións rápidas ao Concello

Redacción

A voceira Marga Caldas advirte do risco que supón a falta de iluminación para o tránsito peonil na zona, xa difícil polas obras da PO-308

O BNG de Poio vén de denunciar reiterados cortes de subministro eléctrico producidos durante os últimos días en diferentes puntos da parroquia de San Salvador. A portavoz nacionalista, Marga Caldas, asegura que a situación está a provocar un crecente malestar entre a veciñanza de zonas como A Caeira, Andurique, e a Valiña, entre outras, e reclama ao Concello que aclare de maneira inmediata as causas destas interrupcións e que adopte as medidas necesarias para poñerlles fin.

Segundo explica o Bloque, os cortes están a afectar tanto a vivendas como a negocios da zona, chegando nalgúns casos a producirse interrupcións do servizo de até unha hora de duración tanto polo día como durante a noite, o que ocasiona importantes trastornos na vida diaria da veciñanza e tamén perdas e dificultades para a actividade comercial. Para Caldas a situación non é un simple ‘apagón’ puntual, senón algo reiterado e que se produce sen información previa e sen saber cando se vai restablecer o servizo.

A nacionalista considera especialmente grave que estes cortes se produzan nun momento no que continúan as obras da PO-308 nun dos treitos con maior número de vivendas do municipio e onde xa existen importantes problemas de mobilidade peonil derivados da propia execución dos traballos. “Transitar polo treito da Barca supón xa de por si unha situación moi complicada. Hai persoas que teñen que camiñar practicamente polo medio dos coches debido ás obras. Se ademais desaparece a iluminación pública o risco multiplícase”, advirte Caldas.

A nacionalista lembra que a problemática de falta de luz non é nova. De feito, o pasado mes de novembro o BNG xa denunciara publicamente a falta de iluminación na contorna, alertando da sensación de inseguridade que estaba a sufrir a veciñanza e do perigo que supuña transitar pola zona a escuras. “Daquela xa advertimos que non se podía desenvolver unha obra destas características sen garantir unhas condicións mínimas de seguridade. Meses despois seguimos a atoparnos con problemas relacionados coa iluminación e agora engádense cortes de subministro que empeoran aínda máis a situación”, sinala.

Por este motivo, o Bloque reclama ao goberno do PP que informe con transparencia sobre a orixe das interrupcións eléctricas e aclare se están relacionadas cos traballos que se están a executar na PO-308, se teñen algo que ver con actuacións promovidas polo propio Concello ou se, pola contra, son incidencias atribuíbles á empresa subministradora. Para Caldas, o goberno de Moldes debe explicar a situación e, no caso de non ter responsabilidade, actuar como interlocutor e esixir solucións a quen corresponda. “O que non pode ser é o que pasa sempre, que o Concello mira para outro lado e agocha a cabeza debaixo da ala mentres a veciñanza está farta de molestias. Hai que poñer sobre a mesa solucións inmediatas”, esixe.

Comparte este artigo