O BNG de Poio denuncia unha vertedura no río da Seca e esixe ao Concello que investigue a súa orixe

Redacción

A voceira Marga Caldas trasladou hoxe a súa preocupación na Comisión de Urbanismo tras as queixas veciñais por fortes cheiros a sumidoiro rexistrados o pasado domingo

O grupo municipal do BNG de Poio denunciou hoxe na Comisión de Urbanismo do Concello unha vertedura detectada o pasado domingo no río da Seca e reclamou ao goberno local que investigue de maneira inmediata a súa orixe e abra o correspondente expediente a través da empresa concesionaria do saneamento para depurar responsabilidades.

A voceira nacionalista Marga Caldas explica que durante a xornada do domingo rexistráronse queixas da veciñanza da zona debido á turbidez na auga no leito do río e á presenza de fortes cheiros a sumidoiro. Os feitos producíronse ademais nun día de especial afluencia de público, xa que na contorna da Seca, onde existen equipamentos deportivos e zonas de esparexemento, estábase a celebrar un torneo de fútbol base no que participaba moita rapazada e tamén unha romaría de gaiteiros, o que provocou que un elevado número de persoas se vise afectado polas molestias derivadas da vertedura.

A portavoz manifestou na Comisión a súa preocupación e subliñou que é necesario que o Concello actúe con dilixencia para esclarecer o sucedido. “Estamos a falar dunha situación que xera inquietude entre as persoas residentes, xa que non é algo illado, e que require unha resposta inmediata por parte do goberno local. A veciñanza quere saber que ocorreu, cal foi a causa da vertedura, e que medidas se van adoptar”, sinala.

Caldas esixe ao alcalde Ángel Moldes que mobilice todos os medios técnicos dispoñibles para realizar as inspeccións necesarias tanto na rede de saneamento como na contorna afectada, co obxectivo de determinar a procedencia da vertedura e avaliar o seu alcance. Considera fundamental que se esclarezan os feitos canto antes e que se descarte calquera posible risco para a saúde pública ou para o medio ambiente.

Por este motivo, o BNG reclama que se abra o correspondente expediente por parte da empresa concesionaria do servizo de saneamento para determinar responsabilidades, coñecer as causas exactas do episodio e, de ser o caso, adoptar medidas correctoras ou incluso impoñer sancións se a orixe da vertedura se debe a unha mala praxe. A voceira conclúe reclamando ao goberno municipal unha resposta “rápida e transparente”.

Comparte este artigo