O BNG de Poio insta á Xunta a pagar as expropiacións do polígono de Fraga Moreira aumentando “como mínimo” a subida do IPC ao prezo reclamado en 2008

Redacción

Marga Caldas lembra que Moldes solicitaba xa 21 euros por metro cadrado cando era integrante da plataforma de persoas afectadas

O BNG de Poio vén de instar á Xunta de Galicia a que aboe as expropiacións derivadas da ampliación do polígono empresarial de Fraga Moreira, como mínimo, subindo o IPC do prezo xa reclamado en 2008, cando se iniciaron os trámites do proxecto industrial.

A agrupación nacionalista explica que entón o actual alcalde, Ángel Moldes, cando exercía como portavoz das persoas afectadas, reclamaba 21 euros metro cadrado. A iso, subliña o Bloque, habería que engadir o IPC acumulado durante todos estes anos de atraso “como base irrenunciable para empezar a falar e sostendo que sería desexable unha mellora incluso maior”. “Que Xestur pague polo menos esa cantidade ás persoas afectadas é o mínimo e o coherente tras todos estes anos de incertezas e demoras”, advirte Marga Caldas.

A formación nacionalista lembra que o Bloque sempre defendeu que a Xunta abonase as fincas cunha taxación “digna” e “respectuosa” e agarda que o actual alcalde manteña tamén unha postura congruente coas súas peticións anteriores. Subliña que Moldes, cando participaba activamente nas reivindicacións da plataforma de persoas propietarias afectadas polo desenvolvemento do parque empresarial, chegara a afirmar publicamente que aceptar un prezo inferior aos 21 euros por metro cadrado sería “ridículo”, especialmente tendo en conta que os terreos tributaban no IBI entón cun valor de 20 euros por metro cadrado.

O BNG sinala que, ademais, os 21 euros por metro cadrado eran a referencia que xa percibiran anteriormente as persoas propietarias que asinaran contratos de compravenda anteriormente. “Se entón 21 euros era o mínimo aceptable, agora non se pode avalar unha rebaixa das compensacións nin mirar para outro lado tendo en conta a subida do prezo da vida, o IPC real. Agardemos que Moldes non faga un cambio de chaqueta como xa nos ten acostumadas e deixe á veciñanza tirada nas súas reivindicacións”, apuntan desde o Bloque.

O grupo municipal considera que, despois de tantos anos de atrasos, a Xunta segue a ter a obriga de garantir un trato xusto ás persoas afectadas e de asumir os compromisos que historicamente se defenderon desde a contorna política do actual alcalde, evitando que as persoas propietarias teñan perdas de valor. “Fraga Moreira non pode pagarse a prezo de saldo”, sostén Caldas.

A voceira fixo estas declaracións sobre os prezos das expropiacións neste momento en que o goberno galego acaba de anunciar a posta en marcha da redacción do plan de expropiacións cun prazo de execución de 18 meses, no que se inclúen os traballos de localización das parcelas, o levantamento das actas de ocupación previa e a inscrición dos terreos no Rexistro da Propiedade a favor de Xestur.

Segundo os últimos datos coñecidos, o polígono empresarial de Fragamoreira contará finalmente cunha superficie total de 373.415,52 metros cadrados distribuídos en 768 parcelas. Delas, 154 xa son propiedade de Xestur desde o ano 2008, cando se iniciara o proceso para o desenvolvemento do proxecto industrial.

Comparte este artigo