o BNG de Poio pregunta a Moldes polos incumprimentos da concesionaria do lixo co persoal e as deficiencias no servizo

Redacción

A formación nacionalista quere escoitar as reivindicacións de traballadoras e traballadores de Valoriza ante a aparición de pancartas co lema ‘Lixo en loita, Valoriza culpable, Concello responsable’

O BNG de Poio preguntará no vindeiro Pleno ao alcalde Ángel Moldes polos incumprimentos da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria co persoal traballador diante do crecente malestar existente e da aparición en diferentes puntos do municipio de pancartas co lema: “Lixo en loita, Valoriza culpable, Concello responsable”.

A portavoz nacionalista, Marga Caldas, considera “moi preocupante” a situación que se está a vivir arredor dun servizo “esencial para o funcionamento diario do Concello” e reclama ao goberno local “transparencia e implicación” para evitar que o conflito laboral siga escalando e derive nun problema para a veciñanza.

Caldas asegura que o BNG quere coñecer de primeira man as reivindicacións do persoal afectado e escoitar as súas demandas, tendo en conta que as protestas evidencian “un clima laboral deteriorado e un evidente malestar coa xestión da empresa concesionaria”, sobre todo aclarando se as condicións do contrato son as que levan a un problema laboral.

A formación nacionalista lembra que os problemas con Valoriza non son novos e que o BNG leva tempo denunciando diferentes polémicas e incumprimentos relacionados coa prestación do servizo. Entre eles, sinalan deficiencias reiteradas na recollida de residuos e na limpeza viaria, así como incumprimentos vinculados á renovación do material e da maquinaria comprometida no contrato.

“O máis grave é que o goberno local está permitindo esta situación sen actuar. Hai unha actitude absolutamente permisiva coa empresa concesionaria, tanto ante os incumprimentos na renovación de medios materiais como diante das evidentes deficiencias do servizo que sofre a veciñanza día tras día”, denuncia Caldas.

Segundo o BNG, o executivo de Moldes “deixa facer” a Valoriza sen adoptar medidas de control nin fiscalización reais malia as reiteradas incidencias detectadas nos últimos anos. “Non consta ningunha sanción, nin sequera a apertura de expedientes para valorar se a empresa está incumprindo as condicións do contrato e se merece penalizacións. O Concello está asumindo unha posición de pasividade que resulta incomprensible”, critica a portavoz nacionalista.

Caldas advirte de que Poio está entrando “nun escenario moi delicado”, xa que ao deterioro progresivo do servizo súmase agora un conflito laboral que podería derivar en protestas máis contundentes ou mesmo nunha folga. “Queremos evitar chegar a esa situación, porque os principais prexudicados serían os veciños e veciñas de Poio”, subliña.

A voceira do BNG insiste en que o goberno local “non pode actuar como se isto non fose con el”, lembrando que o Concello é o responsable último de garantir tanto a correcta prestación do servizo. “O que está acontecendo evidencia unha falta absoluta de control político sobre a empresa. O Concello non pode limitarse a mirar para outro lado mentres medran os incumprimentos, o malestar laboral e as queixas veciñais”, concluíu Marga Caldas.

Comparte este artigo