Marga Caldas denuncia a falta de transparencia do goberno de Moldes e reclama os informes das escavacións arqueolóxicas comprometidos no Pleno de maio
O BNG de Poio vén de solicitar ao goberno local a convocatoria inmediata da comisión de seguimento da Illa de Tambo, un órgano que, segundo denuncia a formación nacionalista, leva máis dun ano sen reunirse. A voceira Marga Caldas lembrou que a última reunión da comisión de seguimento celebrouse a comezos de xullo do ano pasado e criticou que, desde entón, “o goberno de Ángel Moldes ten paralizado un dos principais espazos de información, participación e consenso sobre Tambo”.
A nacionalista recordou que no Pleno do pasado mes de maio, cando o BNG preguntou polos informes das escavacións arqueolóxicas realizadas na illa, a concelleira de Turismo asegurou que a comisión convocaríase “proximamente” e que esa documentación sería remitida aos grupos da Corporación no momento en que se fixase a orde do día da reunión. “Pasaron xa varios meses e seguimos exactamente igual. Nin hai convocatoria da comisión, nin os grupos recibimos os informes arqueolóxicos, nin existe explicación algunha para este incumprimento”, lamentou Caldas.
A portavoz do Bloque considera que esta situación evidencia unha “absoluta falta de transparencia” na xestión de Tambo e resulta contraditoria co discurso público do alcalde. “É irónico escoitar a Ángel Moldes repetir que todo o que se faga en Tambo será co consenso da comisión de seguimento cando, ao mesmo tempo, mantén ese órgano sen convocar e oculta información relevante tanto á oposición como ás entidades que forman parte del”, criticou.
O BNG lembra que a comisión de seguimento foi creada precisamente para garantir a participación arredor das decisións que afectan á illa e nela están representados o Concello de Poio, os grupos políticos da Corporación, colectivos sociais e ambientais, entidades vinculadas ao patrimonio e ao territorio, persoal técnico redactor dos distintos documentos de planificación, así como outras administracións e organismos implicados na protección e xestión de Tambo.
Segundo explica Caldas, existen numerosos asuntos pendentes que xustifican por si sós a convocatoria da comisión. Entre eles figuran a presentación dos informes das últimas escavacións arqueolóxicas, o estado de tramitación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL), o Plan de Usos e Conservación, a evolución do Plan de Emerxencias e Autoprotección e o seguimento das actuacións de conservación, mantemento e posta en valor da illa anunciadas polo propio goberno municipal.
Por outra banda, o BNG tamén preguntou ao executivo local que medidas de seguridade está a adoptar para evitar que se produzan pernoctas na Illa de Tambo sen a correspondente autorización municipal, tendo en conta a necesidade de garantir o cumprimento da normativa e a protección dun espazo de elevado valor ambiental e patrimonial.
Para Marga Caldas, “non se pode gobernar Tambo a base de anuncios e fotografías. Hai órganos creados para informar, debater e buscar consensos, e o goberno ten a obriga de convocalos e facilitar toda a documentación necesaria. Se realmente cren na participación que tanto proclaman, o primeiro que deben facer é deixar de ocultar información e reunir dunha vez a comisión de seguimento”.

