A fronte nacionalista advirte da falla de avances nas obras para substituír o tartán
Demanda actuacións para resolver as graves deficiencias nesta instalación deportiva e avanzar na reforma integral, pendente dende 2009
Filipe Abalde: “O Goberno de Caballero ten que deixar de castigar o atletismo vigués”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide garantías do Goberno de Abel Caballero para a reapertura das pistas de atletismo o 23 de outubro, data prevista para o remate da substitución do tartán. A fronte nacionalista alerta da falla de avances nos traballos e advirte ademais de que estas obras son “parches” que non van solucionar as graves deficiencias que presenta dende hai anos a instalación deportiva por causa do “abandono” do Goberno local.
O concelleiro do BNG de Vigo, Filipe Abalde, asegurou que dende o inicio das obras o 6 de outubro non se rexistrou apenas presenza de operarios e de maquinaria e o único avance visíbel foi a retirada de 10 metros do tartán. Uns traballos que obrigaron a clausurar as pistas que, lembrou, xa estiveron todo o mes agosto pechadas. “A este ritmo moito nos tememos que as pistas van acabar clausuradas sine die”, avisou.
Abalde reclamou garantías a concellaría que dirixe Manel Fernández para que estes traballos se realicen “en tempo e forma” para evitar un “novo castigo” contra as e os atletas da cidade. Porén, advertiu que estas obras son “apaños que chegan tarde” e seguen a ignorar as numerosas demandas, durante anos, das máis de 300 persoas usuarias das pistas e dos clubs. “As instalacións continúan en condicións moi precarias con material obsoleto, con duchas e aseos nun estado lamentábel e quedando a escuras por problemas na instalación eléctrica”, criticou o concelleiro do Bloque
Reforma integral pendente dende 2009
Dende a fronte nacionalista insistiron en que, máis alá das obras de mantemento, as pistas de atletismo continúan á espera dende 2009da reforma integral, sobre a que non existe ningún avance do Concello nin da Xunta. O edil do BNG afeou as constantes promesas incumpridas a este respecto por Abel Caballero, entre elas que a reforma se ía realizar de forma simultánea coas obras da nova bancada de Gol no estadio de Balaídos.
“Vigo somos unha grande potencia deportiva no atletismo, os e as atletas foron quen máis medallas olímpicas trouxeron para a nosa cidade”, puxo en valor Abalde, afeando que “a cambio o que reciben é o desleixo por parte dos Gobernos municipal e galego”. Tachou así de “tomadura de pelo” as alternativas anunciadas por ambas administracións.
Dun lado, as presuntas pistas cubertas presentadas polo alcalde cun “posado fotográfico ridículo” nos baixos da bancada de Río que “non pasaron de liñas pintadas sobre formigón”. E por outro, as pseudo pistas instaladas no IFEVI pola Xunta que “pasan máis tempo desmontadas que en uso”.