A iniciativa reclama a condena do golpe militar fascistas, a reparación das vítimas, o tributo á resistencia antifranquista, a retirada da simboloxía franquista -incluída a Cruz dos Caídos no Castro- e a institucionalización do Día da Galiza Mártir na cidade
Xabier P. Igrexas: “Vigo ten que decidir se quere seguir sendo unha cidade con fendas de silencio e amnesia ou a vangarda da liberdade, a xustiza e a memoria democrática”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de rexistrar unha proposta de declaración Institucional para a súa aprobación no vindeiro Pleno do Concello con motivo do 90 aniversario do golpe militar fascista do 18 de xullo de 1936. O texto procura o máximo consenso da Corporación para reafirmar o compromiso da cidade coa memoria democrática, a condena da ditadura franquista e o recoñecemento ás persoas e organizacións que defenderon a liberdade fronte ao fascismo.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que “a memoria democrática non é unha cuestión do pasado, senón unha responsabilidade co presente e co futuro”, advertindo de que “un pobo sen memoria é un pobo máis vulnerábel fronte ao autoritarismo, á intolerancia e aos discursos reaccionarios que pretenden branquear ou relativizar o fascismo”.
A proposta nacionalista pon en valor o papel singular de Vigo durante o golpe militar de 1936 e a posterior ditadura. A declaración lembra que a cidade protagonizou “a maior resistencia popular ao golpe militar en Galiza”, coa denominada batalla de Vigo, iniciada tras a lectura do bando de guerra na Porta do Sol o 20 de xullo e prolongada até o 28 de xullo nos barrios obreiros de Teis, O Calvario e Lavadores.
O texto lembra que aquela resistencia foi respondida cunha represión sistemática que deixou preto de 2.500 persoas executadas na cidade, centos de fusilamentos no cemiterio de Pereiró, asasinatos nas cunetas de Puxeiros e Valadares, milleiros de persoas represaliadas, o campo de concentración da illa de San Simón e unha dura persecución contra o movemento obreiro, o galeguismo e o republicanismo.
“Vigo non foi unha cidade submisa. Foi o corazón dunha resistencia obreira e popular organizada e valente”, subliñou Igrexas, quen lembrou tamén que esa tradición de loita continuou durante a ditadura, tendo o seu máximo expoñente na folga xeral de setembro de 1972, “a maior mobilización obreira e antifranquista da historia de Galiza”.
Cinco compromisos coa memoria
A Declaración Institucional proposta polo BNG concreta cinco compromisos que a fronte nacionalista considera fundamentais para reforzar a política municipal de memoria democrática.
En primeiro lugar, a condena expresa do golpe militar fascista de 1936 e da ditadura franquista. En segundo lugar, o recoñecemento e a reparación das vítimas da represión, con mención específica aos 226 funcionarios represaliados e aos tres últimos loitadores antifranquistas en Vigo asasinados pola ditadura en 1975: Moncho Reboiras, Humberto Baena e José Luís Sánchez-Bravo.
A iniciativa inclúe tamén un tributo á resistencia antifranquista e ás organizacións que loitaron pola liberdade, a proclamación do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir no ámbito municipal e o compromiso de retirar toda a simboloxía franquista que aínda permanece na cidade, “a comezar pola Cruz dos Caídos do Castro”, dando cumprimento ao acordo plenario aprobado por unanimidade en febreiro de 2006.
O portavoz nacionalista apelou ao conxunto da Corporación para que apoie unha iniciativa que considera situada “por riba das diferenzas partidarias”. “Cando a extrema dereita avanza e relativiza a barbarie, non hai oco para a ambigüidade nin para o cálculo electoral”, afirmou Igrexas, quen quixo expresar a súa confianza en que a Declaración Institucional poida ser aprobada por unanimidade. “
“Noventa anos despois do golpe de Estado fascista, Vigo ten que estar á altura da súa propia historia e reafirmar o seu compromiso coa liberdade, a democracia e a memoria das persoas que deron a súa vida por defendelas”, concluíu.

