A fronte nacionalista afea as “falsidades” do alcalde e desvela que o programa, cun custo de 230 mil euros para dous anos, só prevé facilitar o acceso a 10 vivendas por exercicio
Xabier P. Igrexas: “Estamos diante dunha nova tomadura de pelo de Abel Caballero, que leva máis de 17 anos sen facer absolutamente nada en materia de vivenda”
O Bloque Nacionalista Galego tacha de “estafa política” o programa de intermediación social en materia de vivenda anunciado este martes polo alcalde de Vigo. A fronte nacionalista afea as “falsidades” de Abel Caballero e desvela que o programa, cun custo de 230 mil euros para dous anos, só prevé facilitar o acceso a 10 vivendas por exercicio.
“Di Caballero que debería caernos a cara de vergoña por non participar dunha nova estafa política do seu goberno fake nunha cuestión tan sensíbel como é o acceso social á vivenda”, retrucou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “A el non lle pode caer a cara, porque a ten moi dura, e porque vergoña é claro que xa non lle queda”, engadiu en resposta ás acusacións do alcalde.
Igrexas aclarou que este martes o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo o que aprobou foi iniciar o procedemento para a licitación pública deste servizo. O que non explicou Abel Caballero, criticou o voceiro nacionalista, é que este programa só prevé nos pregos que, como mínimo, se facilite o acceso a 10 vivendas por ano. “Ese é o verdadeiro alcance dunha medida que se reduce a pura propaganda: 10 vivendas nunha cidade con máis de 6 mil persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida”, criticou.
O portavoz municipal explicou que o BNG abstívose neste asunto por consideralo unha “nova tomadura de pelo” por parte do Goberno de Abel Caballero, a quen acusou de levar gobernando a cidade máis de 17 anos sen facer absolutamente nada en materia de política de vivenda. “Por non facer non foi quen de executar nin unha soa das medidas concretas facilitar o acceso ao alugueiro aprobadas polo Pleno, o pasado mes de marzo, a proposta do BNG”, lamentou Igrexas.
Medidas do BNG
Dende o Bloque insistiron nese sentido na urxencia de actuar dende o Concello de Vigo para ofrecer solucións a un dos principais problemas sociais na cidade como é o acceso á vivenda. Con medidas como a creación dunha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, cun parque público de vivenda protexida e a prezos accesíbeis, un Plan facilitador do alugueiro e actuacións de apoio ás familias en risco de desafiuzamento con alternativas habitacionais dignas e estábeis na propia cidade.
Aliás, Igrexas defendeu a necesidade de poñer freo á “ameaza ultraespeculativa” dos pisos turísticos e de declarar Vigo como zona tensionada para poder frear o aumento de prezos de alugueiros, que nos últimos 5 anos supera o 30%. “En 2007 o candidato Abel Caballero prometeu que ía facer 6 mil vivendas protexidas e inda non fixo a primeira, iso si que é desvergoña”, remachou.