O BNG denuncia máis de seis cortes de luz na Caeira e A Barca en menos de dúas horas e reclama explicacións ao Concello

Redacción

Marga Caldas alerta de que os problemas se repiten meses despois da primeira denuncia e critica a falta de respostas do goberno de Moldes

O BNG de Poio denuncia que a veciñanza da Caeira e A Barca volveu sufrir onte numerosos cortes no subministro eléctrico, con máis de seis interrupcións en menos de dúas horas. Os cortes, duns minutos de duración, afectaron tamén á Rúa da Valiña, onde habitualmente non se viñan rexistrando estas incidencias. A situación provocou o enfado de numerosas persoas residentes e negocios da contorna, que levan tempo padecendo problemas no subministro sen coñecer as causas nin cando se prevé unha solución.

A portavoz municipal do BNG, Marga Caldas, considera especialmente preocupante a reiteración das interrupcións e a falta de respostas por parte do Concello. “Estamos falando de máis de seis cortes en menos de dúas horas. A xente está farta e con toda a razón. Non é normal que unha zona urbana soporte esta situación de maneira continuada sen que ninguén explique que está a pasat nin cando se vai solucionar”, denuncia.

O Bloque lembra que xa trasladara publicamente esta problemática no mes de xuño, cando alertou de cortes en distintos puntos de San Salvador, A Caeira, Andurique e A Valiña. Naquela ocasión, reclamara ao Concello que aclarase se podían estar relacionados coas obras da PO-308, con actuacións municipais ou con incidencias da empresa subministradora. “Pasaron meses desde a nosa primeira denuncia e seguimos igual, ou mesmo peor. O goberno de Moldes debería ter aclarado as causas e esixido á compañía eléctrica que adopte as medidas necesarias para evitar que isto siga acontecendo”, sinala Caldas.

O BNG advirte ademais de que os cortes se producen nunha contorna especialmente complicada polas obras da PO-308 e polas dificultades actuais para a mobilidade peonil. “Temos unha estrada en obras e unha mobilidade peonil moi condicionada. Se a iso lle engadimos cortes de luz, a situación de seguridade empeora. É inadmisible que esta problemática se prolongue sen unha resposta clara”, afirma a portavoz nacionalista.

Por este motivo, o grupo municipal do BNG volverá trasladar o malestar da veciñanza nas próximas comisións e no Pleno e reclamará ao goberno local que actúe como interlocutor ante a empresa subministradora, solicite información sobre as causas das interrupcións e esixa unha solución.
“Queremos saber que pasa, por que se producen tantos cortes e que está facendo o Concello para evitalos. Se hai un problema relacionado coas obras, que se explique; se a responsabilidade é da subministradora, que o Concello lle esixa solucións. O que non pode facer Moldes é mirar para outro lado mentres a veciñanza soporta esta situación unha e outra vez”, conclúe Caldas.

Comparte este artigo