Marga Caldas acusa ao goberno local de “manipular a realidade” e favorecer intereses privados para permitir construír nun dos espazos protexidos máis valiosos da costa
Luís Bará cualifica a tramitación municipal de “tramposa, trapalleira e enganosa”
O BNG denunciou hoxe o que considera un auténtico “pelotazo urbanístico” en Punta Sinás: a modificación puntual do PXOM impulsada polo goberno municipal do PP en Poio que, segundo as nacionalistas, só busca eliminar a protección ambiental dun espazo catalogado para permitir a construción de vivendas privadas. Para facerlle fronte a esta operación, o Bloque anunciou a presentación de alegacións durante o período de exposición pública da modificación e confirmou que levará o caso ao Parlamento de Galicia a través dunha iniciativa do deputado Luís Bará.
A portavoz municipal en Poio Marga Caldas acusou ao executivo local de “manipular a realidade” e a “agochar prácticas claramente interesadas” ao pretender cambiar a catalogación dun espazo protexido sen contar con aval técnico nin xurídico que o sustente. Segundo explicou, o PXOM de Poio recolle expresamente o espazo de Punta Sinás no seu catálogo de bens protexidos pola súa relevancia ambiental e paisaxística, prohibindo calquera tipo de edificación e permitindo unicamente actuacións de reestruturación. “O único que pretende esta modificación -que agora está en fase de información pública- é eliminar esa protección para facer posible a construción de vivendas privadas nun lugar privilexiado da costa”, denunciou.
Caldas lembrou que xa no pleno de setembro de 2025 o BNG votou en contra do inicio desta modificación e advertiu de que non existía ningunha xustificación legal para a descatalogación. “O único informe xurídico existente era precisamente o do secretario municipal, e foi demoledor”, destacou, lembrando que ademais hai unha sentenza que impide a descatalogación deste espazo en concreto.
Tras consultar novamente o expediente, o BNG denuncia numerosas deficiencias na tramitación.
Entre elas, sinala que a documentación está incompleta, que faltan antecedentes fundamentais do acordo plenario, que parte dos informes teñen data posterior á aprobación inicial e que segue sen existir unha verdadeira avaliación ambiental estratéxica.
Para as nacionalistas, o goberno municipal intenta xustificar a modificación argumentando que xa non existe nin o monólito nin o eucaliptal aos que fai referencia o catálogo. Porén, Caldas subliña que esa explicación é “simplemente falsa”, xa que a protección non responde á existencia deses elementos, senón ao seu emprazamento nunha pequena península con elevados valores ambientais e paisaxísticos. A portavoz tamén desmentiu outro dos argumentos empregados polo executivo local para a modificación, segundo o cal esta estaría vinculada á futura praza pública de Sinás e á senda litoral. “Non aparece nin un só informe nin un só documento que avale esa suposta relación”, afirmou.
“O goberno de Poio ten a obriga de defender o interese público e non os intereses privados”, incidiu Caldas, quen advertiu ademais do “precedente moi perigoso” que pode supoñer esta actuación.
Asegurou que se se permite descatalogar un espazo protexido sen respaldo legal para favorecer unha promoción privada, estase a lanzar unha mensaxe moi clara a outros promotores de que este pode ser o camiño para conseguir edificar noutros ámbitos protexidos no futuro.
“Un traxe á medida para beneficiar a un particular”
Pola súa banda, o deputado do BNG Luís Bará cualificou toda a tramitación impulsada polo Concello para modificar a cualificación do terreo de Punta Sinás como “tramposa, trapalleira e enganosa”, ao entender que intenta “falsear a propia catalogación do PXOM”. Bará insistiu en que o espazo está catalogado polos seus evidentes valores ambientais e paisaxísticos ao tratarse dunha península aberta á ría. Subliñou que o goberno local intenta facer crer que desaparecido o monólito desaparece a protección, cando iso é radicalmente falso.
O deputado denunciou tamén que a tramitación presenta importantes carencias legais. Entre elas destacou a ausencia dunha avaliación ambiental estratéxica completa, a inexistencia dos informes que deberían emitir os departamentos competentes da Xunta en materia de Medio Ambiente e Litoral, así como de Costas do Estado, malia afectar a unha zona sometida a protección costeira.
Na súa opinión, o verdadeiro obxectivo da modificación é exclusivamente económico. “O único interese é incrementar de maneira extraordinaria o valor dun terreo para permitir a construción de chalés, apartamentos ou outros usos turísticos. Isto ten un nome: é un pelotazo urbanístico, un traxe á medida millonario para beneficiar a un privado” nun dos espazos máis valiosos da costa de Poio, asegurou. Bará lembrou ademais que existen instrumentos legais, entre eles a propia Lei de Ordenación do Litoral, que permitirían incorporar todo o ámbito ao patrimonio público en lugar de favorecer a súa explotación privada.
Por todo isto, o BNG municipal confirmou que presentará alegacións á modificación do PXOM durante o período de información pública para reclamar a súa paralización. Ao mesmo tempo, Bará levará unha iniciativa ao Parlamento galego para reclamar que a Xunta esixa unha avaliación ambiental estratéxica completa, aplique a Lei de Ordenación do Litoral e solicite os preceptivos informes de Costas do Estado e dos órganos competentes.
Finalmente, Bará advertiu de que se a Xunta e o goberno local continúan coa tramitación “á marxe da legalidade”, o BNG estudará acudir a outras instancias administrativas e xudiciais para impedir que prospere unha actuación que considera “un ataque ao interese público e ao patrimonio ambiental de Poio”.

