O BNG do Salnés, xunto con outras entridades, apoia a concentración convocada polo Colectivo Ecoloxista do Salnés para este domingo, 13 de setembro, ás 12.00 horas, na praia fluvial de Cabanelas, en Ribadumia, contra a represa construída no río Umia para abastecer de auga a Illa da Toxa, concretamente para o campo de golf e hoteis.
A formación nacionalista considera que esta infraestrutura supón unha importante afección ambiental e altera o curso natural do río e reclama á Xunta de Galiza que adopte as mediads necesarias para a súa retirada . Ademais representa un obstáculo, en algúns casos insalvábel, para determinadas especies de peixes, impide a normal distribución dos mesmos, e sen dubida vai carrexar problemas no seu ciclo reprodutivo ao ser incapaces de remontar o río e chegar a lugares apropiados para a cría.
O BNG salienta que o Umia é un recurso hídrico fundamental para o conxunto do Salnés, ao abastecer de auga a numerosos concellos da comarca, polo que a súa protección debe ser unha prioridade.
Neste sentido, reclama á Xunta de Galiza que actúe con responsabilidade e adopte as medidas necesarias para eliminar a represa e garantir a conservación do río.
Na concentración participarán cargos orgánicos e institucionais do BNG do Salnés, como mostra do compromiso da formación coa defensa do medio ambiente e dos recursos hídricos da comarca.
O BNG fai un chamamento á veciñanza do Salnés a participar nesta mobilización e a defender colectivamente o río Umia fronte a actuacións que poñan en risco o seu equilibrio ambiental.

