O BNG volta reclamar un espazo axeitado para estudar

Redacción

A formación nacionalista lembra que leva anos reclamando unha aula de estudo municipal e advirte de que a falta de espazos adecuados agrava os problemas de convivencia de usos na biblioteca, especialmente durante os períodos de exames

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que os problemas de ruído na Biblioteca Municipal Vidal Pazos volveron repetirse apenas unha semana despois de que a formación nacionalista trasladase esta problemática ao goberno local durante o pleno do pasado 14 de maio.

Naquela sesión, o BNG recolleu a queixa dunha persoa usuaria que estaba estudando un sábado pola mañá e que tivo que soportar un nivel de ruído incompatible co estudo debido á celebración dunha actividade infantil no salón de actos da planta superior. Por este motivo, a formación solicitou ao Concello que adoptase as medidas necesarias para evitar conflitos de usos entre as actividades programadas e as persoas que utilizan a biblioteca como espazo de estudo.

Porén, apenas unha semana despois, durante a celebración doutra actividade infantil, a situación volveu repetirse. “Resulta sorprendente que, despois de advertir expresamente desta problemática, non se adoptase ningunha medida para garantir o normal funcionamento da biblioteca”, sinala a voceira do BNG, Lucía Santos Omil.

A formación nacionalista lembra que esta situación é especialmente preocupante ao atoparnos en pleno período de exames, cando aumenta a afluencia de estudantes e resulta imprescindible contar con espazos adecuados para a concentración.

Desde hai anos, o BNG vén reclamando a creación dunha aula de estudo municipal que complemente os servizos da biblioteca e dea resposta ás necesidades actuais da veciñanza. Neste sentido, en 2025 presentou unha iniciativa para habilitar este espazo coa participación da comunidade educativa.

“En 2023 o goberno local afirmaba que a biblioteca non era un espazo para estudar. En 2024 ampliou o horario precisamente para facilitar o estudo. Estamos en 2026 e seguimos sen unha aula de estudo fixa. A incoherencia é evidente e a necesidade, tamén”, afirma Santos Omil.

Desde o BNG insisten en que as actividades culturais e infantís son moi necesarias, pero consideran que o Concello debe garantir tamén un espazo adecuado para o estudo. Por iso, reiteran a necesidade de habilitar unha aula de estudo municipal e de adoptar medidas inmediatas para evitar que estes problemas continúen repetíndose.

Comparte este artigo