A concelleira de Comercio e Turismo do Concello de Marín, Dª Cristina Acuña, e o director xerente do CCA Estrela de Marín, D. Yonathan Carreira presentaron hoxe a Festa de Fin de Cole, unha das accións máis destacadas da campaña “Vive un Verán Estrela”, que se celebrará o venres 19 de xuño en distintos puntos do centro urbano.
A iniciativa está concebida como unha gran xornada de animación comercial e lecer
familiar, pensada para celebrar o remate do curso escolar e, ao mesmo tempo, incentivar as compras no comercio local nun momento clave de inicio do verán.
A programación desenvolverase principalmente na Alameda de Marín, onde se instalarán distintas propostas de ocio dirixidas a diferentes idades. Entre as 17.00 e as 20.00 horas terán lugar as actividades vinculadas ao Mundial, cunha zona deportiva específica que incluirá unha portería de puntería “Champions League”, un penalti con porteiro xiratorio e unha diana xigante con balóns de velcro.
A partir das 18.30 horas, tamén na Alameda, arrancará o resto da programación lúdica, con propostas adaptadas á infancia. Para nenas e nenos de 7 a 12 anos haberá touro mecánico e inchable taller. Pola súa banda, para o tramo de 0 a 6 anos desenvolveranse actividades como inchable crocodilo, ludoteca creativa e obradoiro de pintacaras.
Como peche da xornada, o Parque Eguren acollerá a partir das 20.30 horas a esperada gran festa final da espuma, aberta á participación do público familiar.
Durante a presentación, destacouse que esta proposta busca encher de vida o centro urbano, atraer familias ás rúas comerciais e reforzar a vinculación entre actividade comercial e programación festiva, consolidando ao comercio local como espazo de encontro, dinamización e experiencia compartida. A Festa de Fin de Cole forma parte da campaña “Vive un Verán Estrela”, promovida polo CCA Estrela de Marín, coa colaboración do Concello de Marín e a cofinanciación da Xunta de Galicia e enmárcase dentro das accións previstas para dinamizar a actividade económica durante a época estival. A participación nas actividades é de balde previa presentación de calquera ticket de compra, con data do 1 de xuño en adiante.
Desde a organización anímase ás familias a participar nesta gran cita de inicio do verán, que converterá Marín nun espazo de celebración, convivencia e apoio ao comercio local.

