O comercio local de Ponteareas sairá á rúa cunha gran “Tea Shopping Night” e a Pasarela do Tea para converter a vila nun referente da moda, música e lecer

Redacción

O Concello de Ponteareas impulsará os próximos 29 e 30 de maio unha gran fin de semana dedicada ao comercio local, á moda e á dinamización das rúas coa celebración da “Tea Shopping Night” e da “Pasarela do Tea”, dúas iniciativas que buscan converter a vila nun gran escaparate aberto cheo de ambiente, música, actividades e experiencias para toda a veciñanza e visitantes.

A programación arrancará o venres 29 de maio coa celebración da “Tea Shopping Night”, unha xornada especial na que os establecementos comerciais permanecerán abertos de 20:00 a 00:00 horas ofrecendo descontos exclusivos, promocións especiais e propostas únicas para incentivar as compras no comercio local. O Concello e os comerciantes da vila convidan á veciñanza a achegarse aos locais neste horario ampliado e extraordinario para aproveitar as ocasións de venda e os prezos reducidos deste programa de fomento da actividade comercial de Ponteareas.

Ademais, durante toda a noite, as rúas de Ponteareas encheranse de vida cunha programación complementaria pensada para todos os públicos, que incluirá concertos, exhibicións, moda, música, espectáculos, degustacións, actividades e animación infantil, creando unha experiencia comercial e de lecer diferente e atractiva.

O concelleiro de Comercio, Ricardo González, destaca que “queremos que Ponteareas viva unha gran noite de comercio, ambiente e dinamización, apoiando aos nosos establecementos e demostrando que mercar no comercio local é tamén unha experiencia. Os veciños e veciñas teñen unha gran oportunidade para mercar doutra forma, noutro horario e cunha gran variedade de ofertas e promocións”.

Ricardo González sinala ademais que “estas iniciativas permiten poñer en valor o enorme potencial do tecido comercial ponteareán, xerando movemento económico, actividade nas rúas e unha programación atractiva tanto para a veciñanza como para persoas doutros municipios. Por iso agradecemos a participación e compromiso de todas as persoas participantes porque, sen eles, non sería posible levar a cabo un evento deste nivel”.

A programación continuará o sábado 30 de maio coa celebración da “Pasarela do Tea”, un desfile de moda ao aire libre que terá lugar ás 20:30 horas na Avenida da Constitución e no que os comercios locais serán os grandes protagonistas mostrando as súas propostas e tendencias.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, anima á cidadanía “a saír á rúa, apoiar ao comercio local e desfrutar dunha fin de semana pensada para converter Ponteareas nun espazo cheo de vida, moda, cultura e convivencia”.

Castro subliña que “o comercio local é fundamental para o dinamismo económico e social da vila, e desde o Concello seguimos impulsando iniciativas innovadoras que axuden a promocionalo, atraer visitantes e xerar actividade nas nosas rúas”.

O goberno local convida tamén á veciñanza doutros municipios da contorna a achegarse a Ponteareas durante esta fin de semana especial, que combinará compras, música, moda e lecer nun ambiente pensado para desfrutar en familia e seguir facendo vila.

Comparte este artigo