Os veciños tamén poderán realizar as súas compras na feira habitual do día 14
O Concello de Ponteareas confirma a celebración do seu mercado tradicional durante dúas xornadas consecutivas esta semana. Os veciños e visitantes poderán realizar as súas compras tanto o venres 14 de agosto, na súa data habitual, como o sábado 15 de agosto, a pesar de ser un día festivo.
Esta medida extraordinaria responde a unha petición formal presentada polo colectivo de vendedores ambulantes. O obxectivo principal é reforzar a actividade comercial local nunha época estival caracterizada pola gran afluencia de turistas e consumidores no municipio.
Aínda que a ordenanza municipal reguladora da venda ambulante dita que os mercados coincidentes con festivos deben trasladarse ao día anterior, a administración local optou por autorizar de xeito excepcional a simultaneidade de ambas as dúas datas.
Na resolución municipal ponse de manifesto que as dúas datas de celebración non supoñen a substitución da data ordinaria nin prexudica dereitos de terceiros, senón que permite reforzar a actividade comercial do municipio neste período de verán de especial afluencia de visitantes e consumidores, contribuíndo á dinamización económica local e á promoción do comercio ambulante
O 1º tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, puxo de manifesto que con esta dobre cita, o concello “busca garantir a continuidade do servizo á veciñanza, ampliar a oferta comercial dispoñible e apoiar os intereses económicos do sector ambulante, dinamizando así a economía local”.

