O concello de Arbo adquire unha parcela estratéxica na rúa Antonia Tovar para ampliar os servizos municipais

Redacción
  •  O Concello adquire en propiedade un terreo de máis de 880 m² na rúa Antonia Tovar para futuras infraestruturas.
  • A operación supón un éxito de xestión ao lograr o inmoble mediante poxa xudicial por un prezo moi competitivo.

O Concello de Arbo segue a dar cumprimento ao seu ambicioso plan de investimentos para a presente lexislatura. O alcalde, Horacio Gil, anunciou hoxe a culminación dunha operación estratéxica que supón un importante logro para o patrimonio municipal: a adquisición definitiva dunha parcela de máis de 880 metros cadrados situada na céntrica rúa Antonia Tovar.

Este movemento, consolidado este mes de marzo tras un complexo proceso administrativo e xudicial, permite ao Goberno local facerse cun espazo clave no corazón do casco urbano. A operación pechouse nun importe de 21.354,48 euros, unha cifra que demostra a eficiencia na xestión dos recursos públicos por parte do equipo de goberno.

Para o rexedor, Horacio Gil, esta adquisición non é froito do azar, senón dunha estratexia activa de captación de recursos e bens para o beneficio común: “Este é un logro de todo o equipo de goberno e unha vitoria para Arbo”, sinalou o alcalde. “O feito de conseguir unha parcela de estas dimensións no núcleo urbano, e facelo cunha xestión tan vantaxosa economicamente, amosa que estamos atentos a cada oportunidade para mellorar a nosa vila”.

A adquisición enmárcase dentro da folla de ruta do 2026, que busca fortalecer a competitividade do municipio e elevar a calidade de vida dos veciños. Ao converter este terreo en solo público, o Concello gaña a capacidade de desenvolver proxectos que respondan ás demandas reais da cidadanía.

Con esta nova propiedade no inventario municipal, o Goberno de Horacio Gil consolida a súa política de crecemento ordenado e posta en valor do centro urbano, garantindo que Arbo conte cos espazos necesarios para seguir sendo un referente na comarca.

O alcalde quixo facer fincapé en que esta compra supón un antes e un despois para a zona: “Hoxe Arbo é máis forte e ten máis posibilidades de crecemento. Con estes 880 metros cadrados públicos, o Goberno que presido reafirma o seu compromiso de dotar aos veciños e o Concello de Arbo de infraestruturas “.

Comparte este artigo