- O rexedor municipal, Horacio Gil, eloxia a dedicatoria, a calidade artística e o compromiso social da agrupación, desexándolle «moitos máis anos de éxitos, harmonía e música no corazón de Arbo».
- A gran gala do 30º aniversario terá lugar o vindeiro 17 de outubro no Auditorio do Centro Multiusos.
- Faise un chamamento histórico á viciñanza e ex-compoñentes para reunir fotografías, vídeos e documentos, e invítase a todas as voces que pasaron pola formación a volverse subir ao escenario.
A música e a cultura de Arbo están de noraboa. A Coral Polifónica de Arbo cumpre 30 anos de vida, tres décadas nas que se consolidou como unha das institucións máis queridas, senlleiras e representativas do concello. Desde a súa fundación, a formación non só soubo cultivar a paixón polo canto e a música polifónica, senón que actuou como a mellor embaixadora do nome de Arbo por toda a xeografía galega e fóra das nosas fronteiras.
Para conmemorar un fito tan relevante, o vindeiro 17 de outubro, o Auditorio do Centro Multiusos acollerá un emotivo concerto e acto de homenaxe deseñado para poñer en valor o legado de cantos homes e mulleres fixeron posíbel este soño musical ao longo de trinta anos.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, quixo expresar en nome de toda a corporación e dos veciños e veciñas do municipio o máis profundo agradecemento e admiración cara á Coral Polifónica: «Falar da Coral Polifónica de Arbo é falar da propia alma e identidade do noso pobo. Nestes 30 anos de vida, a Coral soubo ser o fío condutor dos nosos momentos máis emotivos, enchendo de beleza, solemnidade e alegría cada evento e cada celebración. É un privilexio contar cun grupo de persoas que, de xeito totalmente altruísta, doan o seu tempo, o seu talento e o seu corazón para enriquecer o patrimonio cultural de Arbo».
Co obxectivo de que a homenaxe do 17 de outubro sexa un fiel reflexo destes 30 anos de historia viva, dende o Concello de Arbo e a xunta directiva da Coral estase a traballar na recompilación de todo tipo de memoria gráfica e documental.
Faise un chamamento a todos os coralistas, ex-coralistas, familias e colaboradores/as que garde calquera tipo de material histórico (fotografías, carteis, programas de man, vídeos, prensa ou calquera outra documentación) a que o compartan para formar parte desta lembranza colectiva.

