- A actuación, que conta cun orzamento de 76.850,95 euros, mellorará a seguridade viaria e a mobilidade dos veciños e agricultores da zona.
- O proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) ao abeiro do Plan marco 2026-2027.
O Concello de Arbo vén de dar comezo aos traballos de ampliación e mellora do vial de acceso no lugar de Coutada, na parroquia de San Sebastián de Cabeiras. Esta intervención responde a unha demanda da veciñanza, que se atopaba con importantes dificultades de tránsito debido á estreiteza da plataforma, a escasa visibilidade e a falta de sistemas adecuados para a evacuación de augas pluviais.
A obra, que conta cun prazo de execución previsto de dous meses, ten como obxectivo principal garantir a seguridade viaria e facilitar a accesibilidade a servizos básicos e explotacións agrícolas. O orzamento base de licitación ascende a 76.850,95 euros (IVE incluído), e conta cunha importante achega da Xunta de Galicia. En concreto, o Concello de Arbo recibiu unha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) por importe de 64.740,00 euros, distribuída nas anualidades 2026 e 2027.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, sinalou a importancia desta actuación para a calidade de vida dos veciños da zona: “Con esta obra damos resposta a unha necesidade real dos nosos veciños de Cabeiras. Non só estamos a mellorar un camiño, estamos a facilitar o seu acceso diario aos servizos básicos, á vez que facilitamos o labor dos nosos agricultores. A seguridade viaria é unha prioridade para este goberno, e con esta ampliación eliminamos un punto de risco onde o cruzamento de vehículos era realmente complicado. Grazas ao apoio de AGADER, podemos levar a cabo este proxecto que supón un avance en mobilidade e benestar para esta zona de Arbo.”
Os traballos abranguen unha transformación integral do trazado para facelo máis seguro e funcional, centrada no ensanche da plataforma para permitir o cruzamento de vehículos, a execución de melloras estruturais como a canalización de augas pluviais e cunetas para evitar incidencias en épocas de chuvia, o reforzo dos noiros mediante muros, a instalación de barreiras de seguridade e nova sinalización, ademais da renovación total do firme mediante a súa nivelación, compactación e pavimentación con aglomerado en quente.
As obras iniciáronse co reformulo do trazado, a demolición dos antigos muros de cachotería e as escavacións necesarias para a nova cimentación e a rede de pluviais.

