• A actuación, cun prazo de execución de dous meses, conta co financiamento íntegro da Deputación de Pontevedra a través do Plan Máis Provincia 2026.
• O proxecto ampliará o ancho do camiño municipal, para garantir a seguridade viaria e a accesibilidade da veciñanza.
O Concello de Arbo dará o impulso definitivo á mellora das comunicacións en Pazos-Barcela coa execución das obras de “Ensanche e mellora do acceso no lugar de Pazos – Fase III”. Esta actuación conta cun orzamento total de 75.473,58 € (IVE incluído) e será financiada ao abeiro da Liña 1 de Investimentos do Plan Máis Provincia 2026 da Deputación Provincial de Pontevedra.
O obxectivo principal desta terceira e última fase é solucionar os problemas de seguridade dun camiño de titularidade municipal que, na actualidade, resulta excesivamente estreito para a circulación de vehículos e presenta muros de contención deformados con risco de derrubamento. Con esta intervención, a plataforma acadará un ancho optimizando o fluxo de tráfico e peóns nunha vía que ata agora resultaba perigosa.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, amosouse moi satisfeito polo inicio desta última etapa e subliñou a importancia do proxecto: “Con esta terceira fase culminan as actuacións no lugar de Pazos-Barcela. Trátase dunhas obras moi demandadas polos veciños e veciñas da zona, e con este paso demostramos, unha vez máis, que o goberno municipal atende as demandas de todos os arbenses, escoitando as súas necesidades e transformándoas en realidades”.
Os traballos, que contan cun prazo de execución de dous meses, inclúen un amplo abano de melloras estruturais e de servizos: a ampliación do vial, a construción de muros, o saneamento de pluviais, a pavimentación integral, a sinalización e os remates
O rexedor destacou tamén que “esta obra terá un impacto directo na calidade de vida e na accesibilidade da contorna, facilitando que a veciñanza poida desprazarse con maior comodidade e rapidez cara aos servizos básicos esenciais, como centros de saúde, centros educativos e dependencias administrativas. Eliminamos barreiras físicas e garantimos unha coexistencia segura e fluída entre peóns e vehículos, completando un proxecto clave para a vertebración da nosa comunidade local”.
Con esta intervención, o Concello de Arbo dá por concluído de xeito definitivo o proxecto de ensanche deste camiño municipal, cumprindo co compromiso do grupo de goberno de mellorar as infraestruturas públicas, a mobilidade e a seguridade en todos os núcleos do municipio.

