O concello de Arbo inviste máis de 120.000 euros en mellorar a accesibilidade e seguridade en Cabeiras

Redacción
  • O proxecto atópase actualmente en fase de contratación a través da Plataforma de Contratación do Estado, abrindo o prazo para a adxudicación e inicio dos traballos.
  • A actuación inmádese no Plan Máis Provincia 2026 da Deputación de Pontevedra, consolidando o compromiso municipal coa vertebración do rural.

O Concello de Arbo dá un paso de xigante cara á modernización das súas infraestruturas locais coa tramitación do Proxecto de Mellora de Vial en Cabeiras (Fase I), unha intervención estrutural destinada a transformar de maneira radical a contorna do campo da festa no núcleo de A Igrexa, pertencente á parroquia de San Sebastián de Cabeiras. Na actualidade, o expediente atópase en fase de contratación a través da Plataforma de Contratación do Estado, polo que as empresas interesadas xa poden formalizar as súas ofertas para materializar esta anhelada obra.

O proxecto estrutúrase arredor dun investimento total de 120.375,75 euros (IVE incluído), unha achega económica significativa que conta co financiamento íntegro da Deputación de Pontevedra a través da Liña 1 do Plan Máis Provincia 2026. Sobre unha superficie total de actuación no corazón do núcleo de A Igrexa e do torreiro de Festas,  a intervención abordará unha remodelación integral do viario para dotalo de estándares óptimos de calidade, servizos e seguridade, adaptándose ás necesidades reais de mobilidade do século XXI nunha contorna rural de alta densidade veciñal.


O alcalde de Arbo, Horacio Gil, puxo en valor a transcendencia estratéxica deste proxecto para o conxunto do municipio:“Este proxecto non é só unha obra de pavimentación ou ampliación de estrada; é unha actuación de xustiza social e territorial coa veciñanza de Cabeiras. Durante demasiado tempo sufrimos un vial estreito, obsoleto e perigoso na contorna do campo da festa de A Igrexa, un punto neurálxico para a nosa xente.”

O fin último desta actuación é a consecución dun espazo público máis seguro, cohesionado e accesible, articulado en dous grandes eixes de intervención. Dunha banda, búscase garantir unha máxima seguridade e mobilidade mediante a rigorosa ampliación e acondicionamento dun viario situado ao sur do campo da festa que, ata o de agora, presentaba graves deficiencias de trazado, un ancho manifestamente insuficiente e un elevado nivel de perigosidade para a circulación mixta. Con esta remodelación elimínanse os puntos negros, propiciando unha coexistencia segura, ordenada e fluída entre o tránsito peonil e o rodado. Doutra banda, a intervención incide directamente na mellora do acceso aos servizos básicos, facilitando uns desprazamentos cómodos, rápidos e seguros cara aos centros de saúde, centros educativos e dependencias administrativas de referencia, o que se traduce nun incremento directo da calidade de vida cotiá para os residentes.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, manifesta: “Con este investimento de máis de 120.000 euros transformamos radicalmente a zona, garantindo que os nosos veciños poidan camiñar e circular con total tranquilidade e seguridade, e achegándolles os servizos básicos nunha condicións dignas. Seguimos demostrando con feitos que o noso obxectivo prioritario é a vertebración de todas as parroquias de Arbo e o benestar directo da nosa veciñanza.”

Deste xeito, o goberno local reafirma o seu firme propósito de continuar impulsando políticas de desenvolvemento sostible, cohesión territorial e dotación de servizos esenciais, consolidando un futuro con maiores cotas de benestar e oportunidades para todos os núcleos de Cabeiras e de Arbo.

Comparte este artigo