- Esta infraestrutura sumou nestas dúas últimas semanas un total de 277 persoas aboadas
- A ordenanza establece abonos para diversas categorías, e tamén por asistencia a cursos e actividades dirixidas
O Concello de Bueu aproba definitivamente a ordenanza reguladora das taxas por prestación de servizos da Piscina Municipal das Lagoas, despois de que se publicase o anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e de que se aprobase provisionalmente nun pleno extraordinario do mes de abril. Isto supón que xa é efectivo o pagamento para o acceso a esta instalación, aínda que xa leva quince días funcionando con normalidade e con máis de 277 persoas inscritas, das que 52 se corresponden con abonos familiares (146 persoas) e 131 individuais. De feito, esta semana xa arrancaron as actividades físico – deportivas dirixidas nas salas do ximnasio e nos próximos días abriranse as inscricións para os cursos de natación.
Dende o goberno local faise unha valoración moi positiva destes quince días co novo sistema e tamén pola acollida por parte da veciñanza. Así, Félix Juncal, alcalde da vila, visitou as instalacións para aboarse e declarou que “estamos moi satisfeitos de como evolucionan as solicitudes cun número moi importante de persoas inscritas”. Ademais, “nas conversas coas persoas usuarias, a maioría están satisfeitas tanto coa piscina como coas actividades dirixidas, sendo a única queixa que a temperatura da auga está máis alta pero irase adecuando”, refrendou.
Despois do remate do prazo de consulta pública sen recibir ningunha alegación, a ordenanza xa é oficial. Os abonos establecidos nela son: abono mensual, por 26,95 €; abono familiar, por 40,95 €; abono xove (-21 anos), abono terceira idade e abono mobilidade reducida, os tres de 20,95 €. En canto á modalidade de cursos, establécense diversas modalidades para persoas aboadas e non aboadas. Concretamente terán para bebés, por 14,90 € para aboados e 29,79 € para non aboados; premamá, por 24,90 € para aboados, e 49,80 € para non aboados; iniciación e perfeccionamento, por 20,95 € para aboados e 41,89 € para non aboados; e intensivo verán, por 29,90 € para aboados e 58,01 para non aboados.
A entrada xeral por día será de 5,95 € e a reducida, de 3,95 €. Os descontos para a reducida serán aplicables menores de 18 anos, persoas xubiladas e/ou pensionistas, con mobilidade reducida, ou desempregadas.
Tamén haberá cursos escolares que se organizarían previo acordo coa escola, colexio, entidade educativa ou anpa e cun importe de 15,15 € mensuais. Así mesmo establécense diversas contías para alugueres, sendo o dunha rúa da piscina, de 21,50 € por hora; e a de salas, de 30,00 € por hora.
O contrato de xestión de servizos da piscina adxudicouse á empresa Viraxes, e supón a posta a punto total desta gran infraestrutura deportiva con actividade total no vaso con nado libre, actividades dirixidas e cursos. Así mesmo, tamén conta cunha sala de musculación con gran variedade de máquinas de rendemento alto e da que xa están gozando moitos veciños e veciñas.
Os cursos que arrancaron a inicios desta semana son de pilates, acondicionamento, mantemento, GAP, tonificación e aquagym. En canto aos de natación, haberá iniciación, perfeccionamento, premamá, infantil e bebés en diversas franxas horarias tanto de mañá como de tarde.
Horario e pagamentos
A piscina está aberta de luns a venres das 7.30 ás 13.30 e das 16.30 ás 22.00 horas; ademais dos sábados e domingos das 9.30 ás 13.30 horas.
En canto ao procedemento de pagamento, efectuarase en réxime de autoliquidación no momento de solicitar a prestación do servizo. A matrícula, o primeiro mes de abono ou o curso elixido, aboaranse mediante medios electrónicos de pagamento, ben na recepción das instalacións ou ben de xeito telemático a través da oficina virtual tributaria. Os pagamentos correspondentes a períodos sucesivos realizaranse mediante domiciliación bancaria, de acordo cos datos facilitados pola persoa usuaria no momento da inscrición, efectuándose o cargo con carácter anticipado a partir do día 25 do mes anterior ao correspondente período. Os primeiros pagos serán os correspondentes ao mes de xullo.
Para calquera dúbida ou cuestión, a piscina dispón do teléfono 986138689 e do enderezo electrónico piscina@concellodebueu.gal.

