O concello de Bueu programa máis “Contos na Biblioteca” para promover a lectura

Redacción
  • As sesións celebraranse o 25 e 27 de maio e o 10 de xuño nas bibliotecas municipais co obxectivo de dinamizar e achegar a lectura á cativada

O Concello de Bueu segue a promover o uso das bibliotecas municipais como espazos de encontro e lecer con propostas para o público miúdo. Para iso organiza unha nova xeira de “Contos na biblioteca”, que terá tres sesións de contacontos que se desenvolverán entre finais de maio e xuño nas bibliotecas municipais.

O programa terá lugar o 25 e 27 de maio e o 10 de xuño ás 18 horas nas bibliotecas municipais. A primeira das actividades será “Sinfonía de contos” de Inma Soto e Tamara Soto, da que se poderá gozar o luns 25 de maio na Biblioteca Municipal de Beluso. Trátase dun espectáculo de narración oral que combina a palabra coa música en directo, nas que se inclúen xogos rítmicos co corpo e algunhas cantigas nas que o público pode participar.

A seguinte será o mércores 27 de maio, á mesma hora, na Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu, coa actividade “As letras de Begoña Caamaño”, de Colectivo Xurelo, e que conta co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra. Nesta proposta percorrerase a vida da homenaxeada nas Letras Galegas deste ano con música e debuxo.

E a última das propostas deste “Contos na biblioteca” será o 10 de xuño tamén na Biblioteca Torrente Ballester co título “O secreto da biblioteca” de Trémola Teatro. Neste caso, é un contacontos participativo no que a través de xogos, pistas e libros que falan, nenas e nenos descubrirán o segredo mellor gardado do reino das historias.

A iniciativa, que se insire no marco do programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia, leva organizándose dende hai dous anos con gran éxito de público e con propostas que mostran que as bibliotecas son lugares ideais para compartir e vivir novas vidas.

Comparte este artigo