A Administración local vai solicitar á congregación máis tempo para que se poida garantir a continuidade da prestación cumprindo con todos os requisitos legais
O Concello salienta o labor feito das Hermanitas de los Ancianos Desamparados desde finais do século XIX e confirma que os servizos xurídicos están a traballar a contrarreloxo para acadar unha solución
O Concello de Caldas de Reis está a traballar para obter toda a información necesaria para garantir a continuidade da actividade do Asilo, logo de coñecer por parte da congregación das Hermanitas de los Ancianos Desamparados a súa intención de deixar de asumir o servizo a partires do 30 de setembro.
O compromiso do Concello é tratar de garantir a continuidade do funcionamento do asilo, que conta con preto de 80 usuarios e usuarias, ademais dunhas 40 traballadoras, cumprindo con todos os requisitos legais. Para iso, desde a Administración local vaise solicitar á congregación que demore a súa retirada un tempo, para poder aclarar todas as cuestións xurídicas necesarias.
O alcalde, Jacobo Pérez, convocou este venres unha Xunta de Voceiros para informar aos grupos da Corporación local sobre esta situación. O rexedor recoñeceu que o feito de poñer unha data límite tan próxima por parte das Hermanitas de los Ancianos Desamparados “colleunos por sorpresa”, máxime despois de que o pasado mes de maio se lles explicase aos responsables que o Concello, ao non contar aínda con secretario municipal e asesor xurídico, precisaba de certa marxe para elaborar todos os informes que garantan a legalidade da continuidade do servizo. “Para nós é unha prioridade salvagardar os postos de traballo e os coidados que reciben as usuarias e usuarios do asilo e, ante esta situación, imos traballar contrarreloxo e poñer todo da nosa parte”, indicou Pérez Gulín, que confirmou que o Concello xa solicitou axuda aos servizos xurídicos da Deputación de Pontevedra para axilizar a tramitación.
A congregación informou ao Concello da súa intención de que unha empresa privada asuma o servizo a partir de setembro. Neste sentido, Jacobo Pérez incidiu en que “solicitamos saber máis información sobre o convenio e os compromisos adquiridos que afecten a usuarios, usuarias e empregadas para aclarar todas as cuestións necesarias”. Ademais, o Concello de Caldas de Reis tamén manterá reunións coa plantilla actual de traballadoras, así como con familiares dos usuarios e usuarias. “Este servizo leva máis de 130 anos operativo e hai que analiza todo con profundidade para que, se a congregación da un paso a un lado, poida continuar operativo con todos os requisitos que marca a lei”, insistiu o alcalde.
Agradecemento
Por outra banda, o Concello de Caldas de Reis tamén quixo expresar o seu agardecemento ás Hermanitas de los Ancianos Desamparados polo trabajo levado a cabo desde hai máis dun século no asilo. “O seu labor remóntase a finais do século XIX e foi moi necesario e importante para o municipio”, aseverou Jacobo Pérez.

