O concello de Campo Lameiro presenta a Festa d@s Moz@s que terá lugar o domingo 6 de setembro cunha ampla representación da música galega

Redacción

Carlos Costa destacou no programa a actuación de Ailá, o espectáculo Cancioneiro galego e 9Louro.

O alcalde de O Campo Lameiro, Carlos Costa, acompañado polas concelleiras Nieves Boullosa e Delia Carramal, presentou o programa da XV edición da Festa d@s Moz@s, que se celebrará o vindeiro domingo 6 de setembro cunha ampla programación musical centrada na posta en valor da cultura, da música e das tradicións galegas.

A nova edición desta cita, xa consolidada no calendario cultural do municipio, reunirá durante a tarde e a noite diferentes propostas musicais destinadas a públicos de todas as idades e cun marcado protagonismo da música galega.

A programación comezará ás 19:00 horas coa actuación de Ailá, formación que bebe directamente da música tradicional galega e que achegará ao público unha proposta na que a tradición se combina cunha posta en escena contemporánea.

Ás 20:15 horas chegará un dos momentos centrais da xornada coa proposta “Cancioneiro Galego. As músicas da nosa vida”, un espectáculo que reunirá sobre o escenario diferentes voces, músicos e agrupacións nunha celebración colectiva do patrimonio musical galego.

Neste apartado participarán Fátima Pego, Manolete de Felisa e Lupe Blanco, que achegarán as súas voces a un espectáculo concibido arredor das cancións e melodías que forman parte da memoria musical de varias xeracións.

A proposta completarase coa participación da Banda Unión Cultural de Campo Lameiro, o Grupo Tradicional Foula de Cerdedo Cotobade e a Coral Polifónica de O Campo Lameiro, conformando unha ampla representación da música tradicional, popular e coral.

A presenza de formacións do propio municipio terá ademais un significado especial dentro dunha festa que busca favorecer a convivencia interxeracional e poñer en valor o traballo desenvolvido polas agrupacións culturais que manteñen viva a tradición musical galega.

O programa pecharase ás 22:15 horas coa actuación de 9Louro, que porá o broche final a unha xornada na que diferentes xeracións, estilos e maneiras de entender a música galega compartirán protagonismo.

Carlos Costa destacou que “a Festa d@s Moz@s chega á súa décimo quinta edición convertida nunha cita plenamente consolidada, pero mantendo intacto o seu espírito: reunir á veciñanza arredor da música, das nosas tradicións e da cultura galega”.

O alcalde puxo tamén en valor a diversidade da programación e, especialmente, o apartado dedicado ao Cancioneiro Galego, “porque permitirá xuntar nun mesmo espectáculo artistas e agrupacións que representan diferentes maneiras de transmitir unha música que forma parte da nosa identidade e da nosa memoria colectiva”.

Costa agradeceu tamén o traballo desenvolvido para facer posible esta nova edición e convidou tanto á veciñanza de O Campo Lameiro como ás persoas procedentes doutros concellos a achegarse o domingo 6 de setembro e desfrutar “dunha xornada pensada para compartir, convivir e celebrar a vitalidade da nosa música e da nosa cultura”.

Comparte este artigo