O Concello de Mos celebrou hoxe o acto de clausura da décima edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos 2024-2025, subvencionado pola Xunta de Galicia cun importe total de 220.000 euros, que corresponden a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e cofinanciado polo Concello de Mos cun importe total de 57.497,48 euros.
O programa, que se desenvolveu entre o 12 de novembro de 2024 e o 11 de novembro de 2025, contou con 100 persoas participantes e tivo como obxectivo mellorar a súa empregabilidade mediante orientación personalizada, accións formativas e prácticas non laborais en empresas.
O balance desta edición é altamente positivo:
65 % das persoas participantes traballan ou traballaron durante o programa.
22 convenios de prácticas non laborais asinados.
104 ofertas laborais tramitadas.
10 accións formativas do catálogo SEPE, cun total de 336 horas, e 904 horas de formación acumulada entre formación SEPE e non SEPE, das cales 451 horas foron en modalidade online.
Durante o acto, a alcaldesa Nidia Arévalo destacou “o compromiso do Concello de Mos coa formación e coa inserción laboral, demostrando que o acompañamento individualizado e a colaboración co tecido empresarial son a mellor vía para crear oportunidades reais de emprego”.
A rexedora agradeceu o traballo do equipo técnico municipal formado por Ana Comesaña Piñeiro, Andrea López e Victoria Lago, así como o apoio da Xunta de Galicia e das empresas e entidades colaboradoras que fixeron posible o desenvolvemento desta nova edición.
O evento contou coa presenza da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e do director territorial de Emprego de Pontevedra, José Antonio Rodríguez Fachado, representantes das empresas colaboradoras e das persoas participantes, que recibiron os seus diplomas acreditativos.
O Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa promoción do emprego e coa mellora continua das políticas activas, consolidándose como un referente en inserción laboral e formación profesional na comarca.



