O Concello actualizará o PXOM para adaptarse a novas normativas e mellorar o desenvolvemento de actividades económicas

Redacción

O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, levará esta modificación puntual ao Pleno da Corporación que se celebrará mañá e que permitirá actualizar o planeamento municipal no que respecta ao Plan Básico de Usos

O Plan Xeral de Ordenación Municipal é o principal documento reitor do urbanismo local, regulando os usos do solo e todas as especificidades técnicas que se requiren á hora de poder levar adiante proxectos e iniciativas de tipo urbano.

Trátase dun documento vivo que require de modificacións para ir adaptando o marco regulatorio ás novas necesidades, tal e como se fai de xeito habitual en calquera concello do territorio.

Nese contexto, utilízanse as modificacións puntuais para poder actualizalo e melloralo, adaptándoo a novos contextos socioeconómicos, urbanísticos e de lexislación. Ese é o caso da modificación puntual que levará ao Pleno da Corporación mañá o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos.

A modificación ten que ver coa mellora do Plan Básico de Usos Municipais, con dous obxectivos: “Por un lado, esta mellora permitirá que actualicemos no PXOM as normativas estatais e autonómicas que foron cambiando nos últimos anos e, por outro, poderemos regular mellor cuestións relacionadas cos usos que se recollen na actualidade para impulsar actividades económicas de diversa índole, dándolles maior seguridade xurídica”.

Marín, polo de atracción para novos modelos de turismo

Tal e como expón Santos, Marín está sendo un municipio “moi atractivo” para iniciativas turísticas respectuosas co medio ambiente “que atoparon na nosa vila o que xa sabemos que temos: un entorno inigualable, un terreo cheo de posibilidades e unhas conexións boísimas, o que nos convirte nun punto estratéxico para a expansión turística que están experimentando as Rías Baixas”.

Con esta modificación, “ademais de actualizar outras cuestións, actualízanse unha serie de normativas que tiñamos obsoletas e que podían supor un freo para o desenvolvemento de iniciativas empresarias deste campo, que nos gustaría que seguise medrando xa que é un modelo activo, rural e sostible a nivel turístico do que nos gustaría ser referentes”.

Comparte este artigo