O Concello de Mos vén de recibir nos xardíns do Pazo de Mos ao Club Blossom de Patinaxe para recoñecer a súa destacada participación no Campionato de España, onde o club acadou, por primeira vez na súa historia, presenza a nivel nacional.
Durante o acto, a alcaldesa Nidia Arévalo puxo en valor “o esforzo, a constancia e a capacidade de superación” dun club que, en apenas dous anos de traxectoria, conseguiu situarse entre os mellores equipos do país.
O grupo de show júnior, formado por 12 integrantes, competiu o pasado venres coa coreografía “Martes 13”, acadando a posición 15 nunha categoría de alto nivel. Trátase dun equipo con recentes incorporacións que continúa en plena evolución deportiva.
Pola súa banda, o cuarteto júnior, coa coreografía “Origen”, logrou a posición 16 no seu debut nacional. Este grupo formouse en xaneiro do pasado ano, polo que en pouco máis dun ano conseguiu clasificarse para un Campionato de España, un fito que evidencia a súa progresión e compromiso.
Ambos conxuntos participaron tamén este ano por primeira vez no Campionato Galego, onde acadaron o pase ao Nacional, marcando un antes e un despois na traxectoria do club.
A rexedora destacou que “máis alá dos resultados, o verdadeiramente relevante é o camiño percorrido e o exemplo que representan para a mocidade do municipio”, subliñando ademais o orgullo que supón para Mos contar con iniciativas deportivas que “proyectan o nome da vila no panorama nacional”.
O Concello trasladou os seus parabéns ás patinadoras e patinadores, ao equipo técnico e ás familias, recoñecendo o traballo colectivo que fixo posible este logro e animándoos a continuar nesta liña de crecemento.
Con esta recepción institucional, Mos reafirma o seu compromiso co deporte base e co apoio ás entidades locais que contribúen ao desenvolvemento deportivo e social do municipio.

