HomeVigoMosO Concello de Mos modifica a Ordenanza do IBI para aplicar bonificacións...

O Concello de Mos modifica a Ordenanza do IBI para aplicar bonificacións ás vivendas con instalacións solares fotovoltaicas

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos aprobou no último pleno a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) co obxectivo de incentivar o uso das enerxías renovables mediante a incorporación dunha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto durante tres exercicios fiscais consecutivos ás persoas propietarias de inmobles de uso residencial que instalen sistemas de aproveitamento da enerxía solar fotovoltaica.

A alcaldesa Nidia Arévalo destacou que esta medida supón o cumprimento dun compromiso electoral e forma parte dunha estratexia municipal máis ampla para favorecer a transición enerxética, a sostibilidade e o aforro económico das familias mosenses.

“Cumprimos coa palabra dada. Con esta bonificación apoiamos directamente ás veciñas e veciños que queren apostar pola enerxía limpa e pola eficiencia, reducindo tanto as emisións contaminantes como o gasto das economías familiares”, sinalou Arévalo.

Tres medidas municipais para impulsar as enerxías renovables e a electrificación

Con esta nova modificación da ordenanza do IBI, o Concello de Mos completa o seu marco municipal de incentivos fiscais para favorecer a adopción das enerxías renovables e da electrificación.

1.       Bonificación no IBI

Nova medida aprobada: bonificación do 50% durante tres exercicios fiscais para inmobles residenciais con instalacións solares fotovoltaicas, sempre que cumpran os requisitos técnicos e administrativos establecidos.

Cabe destacar que esta nova medida aprobada no IBI é de carácter rogado, o que quere dicir que se concede previa solicitude.

2.       Bonificación no IVTM (Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica)

Os vehículos de emisións cero gozan en Mos dunha bonificación do 75% no imposto. Esta porcentaxe é a máxima permitida por lei, e a diferenza doutros concellos, en Mos non ten prazo limitado, o que supón un apoio real e sostido á mobilidade eléctrica.

3.       Bonificación no ICIO (Imposto de Construcións, Instalacións e Obras)

Tamén se aplica unha bonificación do 95% —o máximo permitido— ás instalacións fotovoltaicas e térmicas en vivendas unifamiliares.

Esta medida non é obrigatoria por lei, pero Mos decidiuna aplicar como mostra de compromiso co aproveitamento enerxético sostible.

Estas tres medidas son potestativas e evidencian o forte compromiso do Concello de Mos coas enerxías renovables, a eficiencia e a sostibilidade, ademais de supoñer o cumprimento dun compromiso electoral adquirido polo Goberno local.

Deste xeito, a alcaldesa lembrou que estas políticas forman parte da aposta por unha xestión municipal respectuosa co entorno e a promoción de prácticas sostibles.

Recentemente, Mos foi distinguido coa Bandeira Verde da Xunta de Galicia, un recoñecemento que acredita o esforzo do Concello de Mos na xestión ambiental, a limpeza, o reciclaxe e o coidado do patrimonio natural.

“Estas medidas fiscais súmanse a unha estratexia integral que xa está a dar resultados. A Bandeira Verde é un símbolo de que Mos vai polo bo camiño, e hoxe seguimos avanzando con paso firme”, concluíu Arévalo.

Deste xeito, con esta decisión, Mos consolídase como un referente en políticas locais de impulso ás enerxías renovables e á transición ecolóxica, reforzando o seu papel como concello sostible e comprometido co futuro.

Publicacións Relacionadas