O concello de Nigrán abre ata o 13 de xuño o prazo de solicitude para facer fogueiras de San Xoan

Redacción

O Concello de Nigrán abre o prazo ata o 13 de xuño inclusive para solicitar autorización para facer unha fogueira en San Xoan. As persoas físicas ou xurídicas interesadas deben dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello ou Sede Electrónica, onde farán constar na solicitude o lugar elixido para facela (da súa titularidade, non en outras zonas, como por exemplo as praias, onde en ningún caso se pode) así como nome e datos dos responsables da mesma.

O Concello de Nigrán ven de dictar un Bando onde fai constar tódolos aspectos que se deben ter en conta á hora de confeccionar a fogueira. Este inclúe as seguintes directrices:

-O material inflamable da fogueira deberá estar amontonado con un día de antelación á súa queima, para poder levar a cabo a súa revisión.

-O volume do material combustible da fogueira non superará os 5 metros de diámetro nin os 3 metros de altura.

-A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados, será como mínimo de 12 metros. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non haxa almacenados productos inflamables nin zonas forestais.

– Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, aceites, etc., e en xeral calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos; así mesmo coidarase de non botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays) aínda que estean baleiros.

– Ao finalizar a fogueira e, antes de abandonar o lugar desta, os/as responsables da organización coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas.

– En todos os casos os/as solicitantes serán responsables dos danos que puideran ocasionar a terceiros.

– Ademais do indicado, deberá terse en conta que a posibilidade de realizar a fogueira, e as condicións da mesma, dependerán tamén do que poidan sinalar as normas xerais de aplicación.

Comparte este artigo