Os interesados deben anotarse en www.carreirasgalegas.com antes do 27 de agosto ás 23:59 horas
Como novidade, establécense premios en metálicos para os tres clasificados da categoría absoluta feminina e masculina
O Concello de Nigrán organiza o domingo 30 de agosto unha das súas citas deportivas máis emblemáticas do verán: a XV edición da ‘Nigrán Area’, carreira popular de atletismo pola praia de Panxón e Praia América. O prazo de inscrición xa está aberto en www.carreirasgalegas.com ata o 27 de agosto ás 23:59 horas (o cuse é de 12 € en categoría absoluta e gratis nas demais). A principa novidade é que este ano se establecen 1.200 € en premios en metálicos para os tres primeiros clasificados da categoría absoluta masculina e feminina, a razón de 300 €, 200 € e 100 € respectivamente.
“Trátase dunha carreira única pola contorna natural do litoral nigranés aproveitando a marea baixa, e que pretende fomentar o deporte, o respecto polo medio e a convivencia veciñal”, explica Juan González, alcalde do Concello de Nigrán, administración que asume a totalidade da organización e que conta coa axuda económica da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan + Provincia. Este evento convoca a persoas corredoras de todas as idades, reunindo a máis de 3.000 persoas entre atletas, acompañantes e público.
A cita deportiva arranca ás 11:00 horas na categoría absoluta (5 km) e está aberto a tódalas idades, tendo saída desde Panxón. A partir das 12:00 horas será a quenda das categorías inferiores: os sub 16 percorrerán 2 km, os sub 14 farán 1500 m, os sub 12 un km, os sub 10 percorrerán 500 metros, os sub 8 farán 300 metros e os máis pequenos farán 100 metros. A proba conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo.
Os dorsais serán entregados o mesmo día na propia praia de Panxón a partir das 09:00 horas da mañá e ata 30 min antes.

