O concello de Nigrán celebra o inicio das obras de rexeneración medioambiental de Praia América tras os danos deste inverno

Redacción
Lectura mínima de 3

Costas do Estado iniciou hoxe os traballos, consistentes en grandes movementos de area para rexenerar o ecosistema dunar, re-canalizar o río e redeseñar os accesos peonís

O investimento é de 220.000 € a cargo do goberno central e o Concello consignará outros 200.000 € de fondos propios para rehabilitar o paseo de Panxón

“Trátase dunha acción paliativa que busca frear de xeito natural a erosión no sistema dunar”, explica o alcalde

O Concello de Nigrán celebra o inicio hoxe das obras de emerxencia para rexenerar Praia América tras os causados polas sucesivas borrascas este inverno. Os temporais consecutivos de inicios de anos provocaran o desprendemento de boa parte da superficie dunar da zona de Panxón, afectando ás diferentes pasarelas de madeira de acceso á praia e incluso ás duchas e boa parte da varanda de aceiro inoxidable do paseo parítimo e o seu pavimento. Os danos repetíronse en outros tres areais da provincia, polo que Costas do estado investirá neles un total de 320.000 € correspondentes ao Ministerio de Transición Ecológica e Reto Demográfico e dos que 220.000 € son só para Praia América.

Os traballos, que arrancaron hoxe e se estima que duren dúas semanas, consisten en realizar grandes movementos de area que contribúan a frear de xeito natural a erosión do sistema dunar, moi deteriorado polo achegamento brusco da canle do río. Así, nunca desde que se ten rexistro fotográfico en 1948, o río chegara a ameazar a duna ata o punto de provocar desprendementos. Consecuentemente, mediante a acumulación de grandes volumes de area procedentes doutras zonas do areal, facilitaráselle a canle natural que viña presentando nos últimos anos e que supón un desaugadoiro máis directo no mar, impedindo de xeito sostible o actual meandro que tropeza co ecosistema dunar. Ademáis, os traballos inclúen eliminar un dos accesos peonís intermedios da zona de campo de redes para habilitar únicamente os dous nos extremos e así crear un bloque único de duna protexido mediante unha malla. A actuación inclúe o arranxo da pasarela de madeira como punto de acceso á area, pero non comprende o paseo fixo de Panxón, que será rehabilitado con fondos propios do Concello que serán consignados cunha partida de 200.000 € no pleno ordinario deste martes.

“Trátase dunha acción que busca unha rápida rexeneración medioambiental e sostible que nos permita convivir co cambio climático”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece a rápida resposta de Costas do Estado. 

Comparte este artigo