O cuarteto está liderado por Iago Marta á guitarra e Rubén Fernández á voz, ampliándose nesta cita con Yudit Almeida (contrabaixo e voz) e Zalo Rodríguez (electrónica e teclados).
Como todos os concertos, a entrada é de balde ata completar aforo. O ciclo finaliza o 30 de maio con ‘Juzz’, banda liderada polo guitarrista Virxilio da Silva
O Concello de Nigrán continúa este sábado 25 de abril o seu cuarto ciclo ‘Primavera de Jazz’ (20:30 horas, Auditorio Municipal) co concerto de ‘Noar 4’. O cartel que inaugurou o pasado 28 de marzo o pianista vigués Iago Vázquez reúne novamente a músicos galegos de culto internacional en tres citas imprescindibles para os amantes deste xénero. Así, tras esta segunda cita, o ciclo finaliza o 30 de maio con ‘Juzz’, banda liderada polo guitarrista Virxilio da Silva. Todos estes concertos son de balde ata completar aforo e contan co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’.
“Levamos catro anos ofrecendo en Nigrán aos mellores músicos de jazz do país en directo e fora da tempada estival, un auténtico luxo para un público fiel a este xénero musical”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao festival de verán Nigranjazz. “Despois de 19 anos ininterrumpidos de Nigranjazz temos xa un público moi consolidado que demanda concertos en directo o resto do ano e un alumnado da Escola de Música que tamén o reclama, e por iso apostamos firmemente por este festival que, paralelamente, quere promover aos mellores músicos galegos”, explica o rexedor.
NOAR
Noar é a nova proposta musical liderada por Iago Marta (guitarra) e Rubén Fernández (voz), dous experimentados músicos da escena galega. Nesta ocasión e como fan habitualmente, mudan a cuarteto coa incorporación de Yudit Almeida (contrabaixo e voz) e Zalo Rodríguez (electrónica e teclados), para ofrecer un formato máis amplo das músicas de Noar. Coa mesma esencia que caracterizaba o seu derradeiro disco, ‘Ao vivo’, o seu novo traballo amplía horizontes á canción de autor e ao pop, coas pinceladas de jazz e experimentación que están sempre presentes nos universos musicais deste proxecto.

