A parte superior caíu a consecuencia da borrasca Herminia en xaneiro de 2025 e non foi ata marzo deste ano que Patrimonio autorizou os traballos que permitirán a súa total recuperación
Datado en 1583, trátase dun dos cruceiros máis antigos da comarca e está catalogado. Volverá a lucir exactamente igual antes do verán
O Concello de Nigrán ven de contratar por 14.374 € á empresa nigranesa ‘ARA Restauración e Conservación de Patrimonio’ para recuperar o cruceiro Suero-Yañez de Parada que resultara danado pola borrasca Herminia do 26 de xaneiro de 2025. O forte ciclón provocou a caída en diversas partes do capitel e da cruz, coroada por unha Piedade a un lado e un Cristo ao outro. O Concello custodiou no mesmo día estes elementos, polo que desde entón permanece intacto no lugar o fuste do que é un dos cruceiros máis antigos da comarca, xa que data de 1583. Dado o seu evidente valor patrimonial, trátase dun elemento catalogado e especialmente protexido, polo que non foi ata o 17 de marzo deste ano que a Dirección Xeral de Patrimonio deu luz verde ás obras de restauración que o Concello xa ten contratadas, estando previsto que finalicen no mes de xuño.
“Recuperamos en seguida todos os elementos caídos sen dar tempo a ningún espolio, polo que o cruceiro volverá a lucir exactamente igual que antes coa vantaxe de que a estrutura será consolidada” explica o alcalde, Juan González, sobre este elemento patrimonial situado fronte ao pazo que leva o seu nome. Neste sentido, os traballos da empresa liderada pola nigranesa Celia Casás, veciña precisamente de Parada, implican limpeza en seco e en húmido, consolidación, recomposición de fragmentos rotos e recheo das pedras de granito, eliminación de colonización biolóxica, reparación estrutural e protección final do conxunto pétreo.
O cruceiro atópase ao carón da EP-2106 en Parada, fronte ao pazo que leva o seu nome e que data, como mínimo, do século XV, e vincúlase a Sueiro Yáñez de Parada, figura política e militar de primeira liña durante a guerra entre Pedro I ‘O cruel’ e Enrique de Trastámara. O señor de Parada tamén está vinculado coa fortaleza que se achaba no Outeiro dous Mouros, no Monte Castelo. O cruceiro, segundo a inscrición do pedestal, dataría do ano 1583, pero foi reconstruído posteriormente, no ano 1778, segundo unha inscrición da base do fuste, onde pon: ‘Benito Araujo. Tenente Coronel. Provincia de Tuy’. Consta dunha plataforma de catro banzos de forma octogonal, sobre o que se atopa un pedestal de base cadrada e coas esquinas biseladas, o que define no tramo superior unha forma octogonal. Estes serían os únicos elementos que quedarían do cruceiro primitivo do s. XVI. O fuste remata nun capitel de tipo toscano, sobre a que se sitúa a cruz coa representación dun Cristo crucificado nun lado, e unha Piedade no outro.

