O sábado o muíño de Porto do Molle acollerá un concerto de zanfonas da banda da ETRAD e o domingo haberá un día completo de cultura no Torreiro de Priegue e o tradicional concerto da Coral Novos Aires no Auditorio Municipal
A programación finaliza o 7 de xuño co espectáculo familiar de Vero Rilo e Luís Iglesias en homenaxe a Begoña Caamaño
O Concello de Nigrán inicia esta fin de semana unha programación especial de maio adicada a conmemorar as Letras Galegas. Así, como en anteriores edicións, o muíño de Porto do Molle será un dos principais escenarios cun concerto este sábado 16 ás 20:00 horas da banda Zanfona ETRAD Ensemble, dirixida polo mestre titular Anxo Pintos e conformada por unha vintena de zanfonistas (a máis grande de España), estes tocarán repertorio tradicional galego vocal e instrumental e outro tipo de melodías de diferentes folclores. No propio día das Letras Galegas, o domingo 17, a comisión de festas do Torreiro de Priegue e o Concello organizan unha xornada completa de exaltación da nosa lingua e cultura con música ao vivo desde as 11:00 horas, zona de cantina para comer, xogos populares a partir das 16:00 horas e ás 18:00 horas actuación de Ardentía. Adicionalmente, tamén o domingo 17 a Coral Novos Aires de Nigrán ofrecerá o seu tradicional concerto das Letras acompañada da Coral Polifónica Amadeus (Vilagarcía de Arousa) a partir das 19:00 horas no Auditorio Municipal.
A programación continúa o sábado 23 ás 20:00 horas no Muíño de Porto do Molle coa actuación da banda de gaitas da ETRAD, dirixida polo mestre titular Xaquín Xesteira.
Finalmente, o domingo 7 de xuño terá lugar o espectáculo familiar de música e narración oral ‘As mil e unha’, de Vero Rilo e Luis Iglesias en homenaxe a Begoña Caamaño (12:00 horas, Auditorio Municipal).
“Fixemos unha programación para todos os públicos pensada para exaltar a nosa lingua e, ao mesmo tempo, para dar a coñecer á infancia a figura de Begoña Caamaño”, explica o alcalde, Juan González.

