O moble foi deseñado expresamente polo alumnado do CEE de Panxón
Adicionalmente, o Concello ven de investir 4.000 € na compra de libros infantís para a Biblioteca
O Concello de Nigrán conmemorou o ‘Día do Libro’ instalando fronte á entrada principal do Pavillón de Panxón unha caseta artesanal de madeira para bookcrossing realizada polo alumnado do CEE de Panxón. Así, o alcalde, Juan González, acudíu a inaugurala xunto aos rapaces e rapazas deste centro educativo. O municipio dispuxo hai anos doutra na porta do CEIP Carlos Casares de Vilariño a iniciativa do seu profesorado, pero esta é a primeira no núcleo urbano e orientada a todo tipo de público. Trátase dun punto de intercambio gratuíto de libros, fomentando a lectura ao permitir deixar un e levarse outro sen necesidade de ningún tipo de formulario ou burocracia. O Concello será o encargado de ‘nutrila’ de lecturas grazas ao fondo bibliográfico da súa propia Biblioteca, con moitos exemplares repetidos, pero tamén está pensado para que a propia cidadanía, ademais de levar, deixe libros.
“Gustounos esta enclave porque no pavillón conflúen persoas de todas as idades e é un punto neurálxico, se funciona non dubidamos en instalar máis porque ao fin e ao cabo o que queremos é promover a lectura de todas as maneiras posibles”, explica González.
Adicionalmente, o Concello ven de investir 4.000 € na compra de preto de 300 novos libros infantís para a Biblioteca Municipal, todos adquiridos nunha das librerías do municipio, como ven facendo sempre o Concello na ampliación dos fondos bibliográficos.

