O concello de Nigrán outorga ao estudio vallisoletano “Baile Menduiña” a redacción do proxecto para o espazo deportivo inclusivo de Porto do Molle

Redacción

xurado deste concurso, desenvolvido coa colaboración do COAG, seleccionou esta proposta entre as 54 presentadas ao apreciar “unha gran potencia icónica” ao tempo que resulta “equilibrada” e remite á tradición construtiva atlántica

O anteproxecto defínese mediante un gran volume rotundo de lousa a modo de gran cuberta que permite protexer gran parte dos usos deportivos previstos

deliberación foi moi complicada pero consideramos que se elixiaformulación máis funcional, factible e elegante ao mesmo tempo“, considera o alcalde, Juan González

O Concello de Nigrán resolveu esta semana o concurso de proxectos con xurado desenvolvido xunto ao Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para o futuro espazo deportivo inclusivo de Porto do Molle, elixindo ao estudio vallisoletano ‘Baile Menduíña’ como gañador. O anteproxecto presentado polos arquitectos Rodrigo Martínez e Arturo Menduíña foi seleccionado entre 54 propostas de toda España ao apreciar o xurado “unha gran potencia icónica” ao tempo que consideran a proposta “equilibrada” e que remite á tradición construtiva atlántica. Consecuentemente, recibirán un premio de 12.100 € e serán os adxudicatarios do contrato de redacción do proxecto e dirección de obra polo importe de 206.264,31 euros. Os outros catro finalistas (o concurso estruturouse en dúas fases) foron en segunda posición Estudio Hago (7.500 €), en terceira Moca Estudio (5.000 €), e como primeiro e segundo accésit Ignacio Senra e Pablo Otero respectivamente, ambos dotados con 2.500 €.

O xurado estivo composto polo alcalde de Nigrán, Juan González; tres arquitectos designados polo COAG, Iago Fernández, Rodrigo Currás e Jorge Enríquez, que teñen participado e foron galardoados en diversas convocatorias de concursos similares; a arquitecta Laura Rivas, designada por Zona Franca de Vigo; a arquitecta Sara Piñón, designada pola Deputación de Pontevedra; e Eduardo Pérez-Izaguirre, arquitectos municipal do Concello de Nigrán.

“A deliberación foi moi complicada pola gran variedade de enfoques presentados e a gran calidade deles, pero consideramos que se elixiu o plantexamento máis funcional, factible e elegante ao mesmo tempo”, xustifica o alcalde, Juan González, sobre este certame impulsado polo Concello co obxectivo de completar e integrar a actual pista de atletismo; engadir un espazo cuberto para practicar deportes federados, unha bancada, vestiarios e aparcadoiro na mesma parcela.

O anteproxecto gañador de ‘Baile Menduíña’ defínese mediante un gran volume rotundo de lousa a modo de gran cuberta que permite protexer gran parte dos usos deportivos previstos. Tal e como valora o xurado na súa resolución, o material elixido “evoca a tradición construtiva da Galicia máis atlántica” ao tempo que “amosa unha sorprendente levedade ao parecer flotar mediante amplos voos sustentados unicamente por oito pilares circulares, xesto que lle outorga unha elegancia formal única e unha imaxe de gran potencia icónica”.

Así, o anteproxecto organiza diferentes ámbitos deportivos mesturados entre os de uso aberto e os de uso controlado e que están cubertos, resultando todos plenamente accesibles grazas ao emprego de grandes ramplas. Neste derradeiro caso figura unha pista polideportiva principal de 50×28 metros que permitiría acoller fútbol sala, balonmán, voleibol ou baloncesto e unha grada vinculada para 412 espectadores. De xeito complementario hai unha segunda pista de 25×28 metros para actividades como bádminton, patinaxe, taekwondo, esgrima… Como espazos auxiliares a estas pistas hai vestiarios, almacén ou cafetería. Xa a nivel do parque e dentro do perímetro das pistas de atletismo, deséñanse espazos libres para salto, calistenia, etc. Así mesmo, no exterior da pista, e vinculado coa contorna, figuran zonas de descanso e puntos de contemplación. Os arquitectos inciden en que o anteproxecto presentado está deseñado de xeito que, segundo evolucione o uso do recinto, se poida ir pechando por completo.

Outra das características valoradas altamente polo xurado figuran a sostibilidade e eficiencia enerxética, cunha cuberta solar que permite cubrir a demanda enerxética do edificio ou a reutilización da auga da choiva para rego, canalizándoa desde a cuberta ata un gran depósito.

“Este novo espazo deportivo inclusivo porá fin as carencias de instalacións tanto para os diferentes clubs locais como para o IES Val Miñor, cuxa infraestrutura resulta totalmente insuficiente para as súas necesidades”, valora González e, neste sentido, sinala o paralelismo da adquisición por parte do Concello dos cines do centro comercial da Ramallosa ou a construción da nova biblioteca. “O municipio ten medrado exponencialmente e as infraestruturas deben ir acordes a este crecemento”, finaliza.

Comparte este artigo