O músico galego está acompañado por músicos consagrados como Rosolino Marinello (saxo tenor), Álex Salgueiro (órganos e sintetizadores), Xan Campos (Rhodes e sintetizadores), Felix Barth (baixo eléctrico) e Iago Fernández (batería)
O evento reuníu a algúns dos músicos galegos máis destacados no panorama jazzístico nacional, como o pianista Yago Vázquez e o cuarteto ‘Noar 4’ de Iago Marta e Rubén Fernández
O Concello de Nigrán finaliza este sábado 30 de maio ás 20:30 horas no Auditorio Municipal o seu cuarto ciclo ‘Primavera de Jazz’ co grupo Juzz, liderado polo guitarrista Virxilio Da Silva. Anterioremente estiveron presentes neste ciclo o pianista Yago Vázquez e o cuarteto ‘Noar 4’ de Iago Marta e Rubén Fernández. Todos estes concertos son de balde ata completar aforo e contan co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’.
Conforman este proxecto o propio Virxilio da Silva (guitarra e composición), Rosolino Marinello (saxo tenor), Álex Salgueiro (órganos e sintetizadores), Xan Campos (Rhodes e sintetizadores), Felix Barth (baixo eléctrico) e Iago Fernández (batería). Todos eles son músicos consagrados na escena musical galega, estatal e internacional.
“Levamos catro anos ofrecendo en Nigrán aos mellores músicos de jazz do país en directo e fora da tempada estival, un auténtico luxo para un público fiel a este xénero musical”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao festival de verán Nigranjazz. “Despois de 19 anos ininterrumpidos de Nigranjazz temos xa un público moi consolidado que demanda concertos en directo o resto do ano e un alumnado da Escola de Música que tamén o reclama, e por iso apostamos firmemente por este festival que, paralelamente, quere promover aos mellores músicos galegos”, explica o rexedor.
Virxilio, ademais de ter colaborado en numerosas gravacións e directos como ‘sideman’ ao longo dos últimos vinte anos, colidera tamén bandas como Foxy Freire, Loiros, Fuzzo, The Manueles ou Steel Sheep, que reflicten a variedade estilística na que este músico se sente especialmente cómodo. As orixes deste proxecto persoal remóntanse aos seus estudos de mestrado en Holanda. Como parte do traballo de final de estudos, presentou en 2015 algunhas das composicións que posteriormente gravaría no primeiro LP homónimo do grupo, traballo que vería a luz na primavera de 2018. Nel amosaba os seus traballos máis recentes, froito dos últimos anos de procura e experimentación, unha música cuxas influencias van desde o rock máis psicodélico e ácido de finais dos sesenta até o jazz, pasando polo pop avant-garde máis experimental, o noise ou o stoner. A música de Juzz ten como máxima a procura da liberdade alén da súa clasificación nun xénero determinado, e aspira, por enriba de todo, a manifestar a súa esencia subversiva.
En abril de 2024, o selo lucense de rock progresivo áMarxe publica unha reedición en formato CD do seu primeiro disco, que inclúe material inédito da sesión de gravación orixinal. O lanzamento recibe moi boa acollida entre o público especializado, colleitando excelentes críticas dentro e fora do país.
No verán de 2023 entran de novo no estudio para rexistrar o seu segundo traballo, novamente homónimo e que funciona como unha segunda parte do de 2018, ao mesmo tempo que abre as portas á exploración de novos territorios sonoros e estilísticos.

