O concello de Nigrán presenta o novo festival “Tardes de Solaina” con 8 concertos programados en distintas localizacións dede este domingo ata o 28 de agosto

Redacción

Arranca con Mesteño na Foz e continúa o mércores 29 con Mambas Negras e, en agosto, Stoned at Pompeii (día 2), Dorrey Lyles&Marcos Coll (9), Arizona Baby (16), Dakidarría (20), Tangomango (23), e Losdeltonos e Cow Caos (28)

Os concertos serán todos ás 19:30 horas e terán lugar no esteiro de A Foz, campo de redes de Praia América e Patos, sendo todos de balde agás Arizona Baby e Dakidarría en acústico

Nigrán 21/07/26.- O Concello de Nigrán redobra a súa aposta pola música en directo este verán co novo festival ‘Tardes na solaina’, que arranca este mesmo domingo 26 con Mesteño (liderado por Diego Pacheco) no auditorio ao aire libre do esteiro de A Foz e se extende ata o 28 de agosto cun total de 8 concertos de primeiro nivel, todos ás 19:30 horas para coincidir co momento do solpor. ‘Tardes na Solaina’ conta ademais co patrocinio de Malabar-Pénjamo de Patos e Cervezas Banda, empresa radicada en Porto do Molle. Como é habitual no Concello, o novo evento volve a unir cultura e paisaxe para que a experiencia resulte inesquecible.

As actuacións musicais, tras Mesteño, continúan o mércores 29 con Mambas Negras no campo de Redes de Panxón-Praia América; Stoned at Pompeii o domingo 2 de agosto no esteiro de A Foz; Dorrey Lyles&Marcos Coll o domingo 9 no esteiro de A Foz; Arizona Baby o domingo 16 en Patos; acústico de Dakidarría o xoves 20 en Patos; Tangomango o domingo 23 no esteiro de A Foz; e, finalmente, Losdeltonos e Cow Caos o venres 28 de agosto en Patos. Todos os concertos son de balde excepto Arizona Baby (16 € venda anticipada) e o concerto acústico de Dakidarría en solidariedade coas persoas sancionadas nas protestas pro-palestinas de La Vuelta Ciclista a España (10 € venda anticipada). As entradas poden adquirirse en Malabar-Pénjamo de Patos.

“Somos un Concello recoñecido pola súa aposta pola música en directo e seguiremos apostando neste sentido, especialmente no verán, cando podemos gozar dela ao aire libre e en contornas espectaculares”, explica o alcalde, Juan González.

“Confeccionamos un programa musical con grupos para todos os gustos e idades, apostando maioritariamente por bandas galegas radicadas na contorna e incluíndo tamén grupos de referencia nacional como Arizona Bay o Losdeltonos e incluso internacional como os estadounidenses Dorrey Lyles&Marcos Coll e os portugueses Cow Caos”, explican desde a organización.

Comparte este artigo