O Concello de Ponteareas abordará a saúde mental no deporte a través do podcast “Latexos en xogo”

Redacción
Lectura mínima de 2

O Concello de Ponteareas presentará na Mesa Local de Saúde que se celebra mañá martes o proxecto “Latexos en xogo”, unha iniciativa da Concellería de Xuventude que abordará a saúde mental no deporte a través do formato podcast, dirixida especialmente á mocidade.

O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, explica que a gravación dos primeiros episodios comeza esta mesma semana. Este formato permite achegar contidos de maneira próxima, accesible e atractiva, facilitando a identificación da xuventude cos testemuños e promovendo a reflexión a través de conversas reais, dinámicas e fáciles de consumir en calquera momento.

A alcaldesa, Nava Castro, subliña que “desde o Concello apostamos por achegar servizos, formación e alternativas de lecer á nosa xuventude con iniciativas actuais, próximas e adaptadas á súa realidade. Queremos escoitalos e ofrecer ferramentas útiles para o seu benestar emocional”.

O ciclo será inaugurado por Sebastián Guzmán Bitar, coñecido como “Chevi”, campión do mundo de patinaxe de velocidade sobre rodas e con familia residente en Ponteareas. Nado en Venezuela e nacionalizado español en 2022, vén de acadar un fito histórico nos Xogos Mundiais de Chengdú 2025, onde conseguiu cinco medallas de ouro e estableceu récords mundiais, consolidándose como unha referencia internacional na súa disciplina .

“Latexos en xogo” contará ao longo dos vindeiros meses con diferentes protagonistas do ámbito deportivo e social, xerando un espazo de diálogo arredor da saúde mental.

Os podcast, que conta coa colaboración dos comunicadores Ismael Gil Lorenzo e David Suarez Fernandez, poderán escoitarse nas redes sociais do Concello (Facebook, X e Instagram), así como na páxina web municipal, co obxectivo de chegar ao maior número de mozos e mozas posible.

Comparte este artigo