Xa se poden consultar as bases de acceso ás subvencións na páxina web do Concello
O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Deportes, ven de facer pública a convocatoria de subvencións para a promoción do e o apoio á actividade deportiva para o ano 2026, cunha dotación económica de 200.000 €. A contía global será distribuída en tres liñas de actuación: Subvencións a clubs e entidades deportivas (170.000€), Apoio a deportistas individuais (18.000€) e Apoio ao deporte de motor (12.000€).
A concesión das axudas rexerase por criterios técnicos e obxectivos que garantan unha distribución equitativa, sustentable e transparente dos recursos públicos. Con este enfoque, preténdese consolidar Ponteareas como unha vila activa, integradora e orgullosa do seu tecido deportivo.
Consideraranse subvencionables os gastos realizados entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, coincidindo co prazo máximo de xustificación, sempre que estean directamente vinculados á actividade deportiva subvencionada. No caso de competicións oficiais que non estean finalizadas no momento de presentación da solicitude, as persoas ou entidades solicitantes poderán presentar documentación complementaria relativa a resultados deportivos ata o 31 de xullo de 2026, inclusive.
Gastos subvencionables
Consideraranse gastos subvencionables aqueles que respondan de forma indubidable á natureza da actividade subvencionada e sexan necesarios para o desenvolvemento ordinario da actividade deportiva das entidades ou deportistas solicitantes, durante a tempada 2025/2026.
Entre outros, estarán cubertos os gastos de licenzas federativas e mutualidades; gastos de desprazamento, aloxamento e manutención; gastos derivados de arbitraxes e cotas federativas; retribucións a técnicos/as, adestradores/as e persoal auxiliar, e alugueiro de instalacións deportivas.
As solicitudes presentaranse de forma telemática a través da sede electrónica do Concello de Ponteareas, no prazo de vinte días hábiles contados a partir do de mañá, martes día 30, trala súa publicación, no día de hoxe, no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra O Concello de Ponteareas publicará a resolución definitiva de concesión das subvencións na súa sede electrónica, así como no taboleiro de anuncios municipal. Poden consultarse as bases da convocatoria na páxina web do concello.

