O Concello de Ponteareas executa obras de renovación no CEIP Fermín Bouza Brey

Redacción
Lectura mínima de 3

O Concello de Ponteareas segue inmerso no seu proceso de actualización das instalacións públicas, neste mes a Concellería de Ensino, que dirixe Ricardo González, está a proceder, con persoal municipal do Concello, á renovación e mellora de distintos espazos no CEIP Fermín Bouza Brey, dentro dun plan de actuación por fases destinado a mellorar as instalacións e o benestar da comunidade educativa.

Nesta primeira fase, estase a levar a cabo un mantemento integral en varias dependencias do centro, incluíndo a colocación de tarima flotante na secretaría e nas oficinas, así como a retirada do corcho das paredes e a súa posterior renovación e acondicionamento. Todos estes traballos están a ser realizados polo persoal de mantemento do departamento de Ensino. Nunha segunda fase, procederase á colocación de tarima flotante noutros espazos, material que será achegado polo propio centro educativo.

Ademais, o Concello está a intervir na mellora do acceso ao colexio e das beirarrúas, así como na retirada do valado de madeira que se atopaba en mal estado. Neste punto executáronse zapatas de formigón onde se ancorarán postes metálicos, aos que se fixará unha nova madeira, evitando así o seu deterioro e podremia co paso do tempo.

Na zona dos columpios tamén se está a realizar a reparación do valado, reforzando e embelecendo a seguridade deste espazo de lecer para o alumnado.

Outro dos traballos que se están a desenvolver é a plantación de gramón nos xardíns laterais do centro, unha actuación que facilitará o seu mantemento e contribuirá a ofrecer unha imaxe máis coidada e agradable para toda a comunidade educativa.

Por outra banda, iniciouse tamén a primeira fase de intervención nas paredes e na renovación dunha aula, espazo que no futuro se converterá nunha aula sensorial, pensada para ofrecer novos recursos pedagóxicos e de apoio ao alumnado.

O concelleiro de Ensino, Ricardo González, destacou a importancia destas actuacións, sinalando que “seguimos traballando para mellorar os centros educativos do noso concello, atendendo ás súas necesidades e creando espazos máis cómodos, seguros e adaptados”.

A alcaldesa Nava Castro insiste no seu compromiso e aposta por servizos e espazos públicos de calidade, apoiando aos centros con actuacións que repercutan en melloras directas no día a día do alumnado e do profesorado.

Comparte este artigo