O Concello de Ponteareas inaugura a exposición Talento Xove, escaparate do talento emerxente con 767 participantes nesta terceira edición

Redacción

Artistea acolleu a inauguración da exposición Talento Xove, unha mostra que recolle o traballo creativo dos participantes do programa, e que se consolida, na súa terceira edición, como un referente na promoción do talento emerxente na comarca.

O acto contou coa participación do concelleiro de Xuventude, Cristian Montes; do deputado provincial de Asistencia aos Concellos, Pablo Castillo; do tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González Carrera; e da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.

A xornada comezou cunha peza musical a cargo de ‘Hijos de Puchini’, dando paso ás intervencións institucionais e á posterior visita guiada pola exposición.

Durante a súa intervención, o concelleiro de Xuventude destacou que “celebramos moito máis que unha exposición, celebramos o esforzo, os soños e a valentía de 767 participantes que decidiron compartir o seu talento con todos nós”.

Montes subliñou o crecemento constante da iniciativa, cun incremento anual de participación, e puxo en valor que Talento Xove “converteuse nun espazo onde a mocidade atopa a súa voz, algo de enorme valor”. Ademais, agradeceu o apoio da Xunta de Galicia e sinalou que este programa “actúa como unha auténtica canteira do seu programa ‘Xuventude Crea’, na que os mozos e mozas comezan a dar pasos cara a iniciativas de maior proxección”.

Pola súa banda, o deputado provincial Pablo Castillo destacou a importancia deste tipo de programas que se están a desenvolver en diferentes concellos da provincia, sinalando que “iniciativas como Talento Xove buscan recoñecer o traballo e as creacións da mocidade, dándolles a oportunidade de que o seu talento sexa coñecido”.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González Carrera, destacou a consolidación desta iniciativa, que na súa terceira edición acadou 767 participantes en distintas modalidades, cun crecemento sostido ano tras ano. González Carrera agradeceu a implicación da mocidade e sinalou que esta exposición “reflicte o talento, a creatividade e o esforzo de centos de mozos e mozas que son presente e futuro de Ponteareas”.

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, puxo en valor o compromiso do Concello de Ponteareas coa mocidade, asegurando que “é un concello que traballa con iniciativas que realmente pagan a pena, para e pola xuventude”. Meneses destacou tamén o papel de Talento Xove como complemento a programas autonómicos como Xuventude Crea, cualificándoo como “o fillo pequeno” deste, e subliñou que “desde Ponteareas estase a visibilizar o talento mozo, facilitando que moitos proxectos poidan darse a coñecer”.

A exposición recolle traballos de oito disciplinas diferentes e poderá visitarse nos vindeiros días en Artistea ata o 30 de maio (de luns a venres, de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas). Tras as intervencións, as persoas asistentes puideron realizar unha visita guiada pola mostra, coñecendo de primeira man as obras expostas.

O acto concluíu cunha actuación musical no exterior, poñendo o broche final a unha inauguración que reafirma o compromiso do Concello de Ponteareas co impulso da creatividade e coa promoción da mocidade.

Comparte este artigo