O Concello de Ponteareas pecha a inscrición da terceira edición do concurso Talento Xove con cifras récord, 767 participantes

Redacción
Lectura mínima de 3

Esta terceira edición medra de xeito exponencial e supera en case trescentas persoas participantes a cifra acadada na segunda edición

O Concello de Ponteareas vén de pechar o prazo de inscrición da terceira edición do concurso Talento Xove, unha iniciativa xa consolidada como referente xuvenil e recoñecida como mellor iniciativa xuvenil da provincia de Pontevedra.

Esta terceira edición medra de xeito exponencial e supera en case trescentas persoas participantes a cifra acadada na segunda edición, confirmando o éxito dunha proposta que non deixa de crecer ano tras ano.

En total, o concurso pecha a inscrición cunha cifra histórica de 767 participantes e 952 proxectos presentados, uns datos que reflicten o enorme interese e a implicación da mocidade.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, felicitou á Concellería de Xuventude polo traballo realizado e agradeceu “a confianza depositada pola xuventude inscrita, que volve demostrar o espírito creativo, decidido e transformador da nosa mocidade”.

A rexedora destacou ademais que “cando unha administración promove unha iniciativa con seriedade, profesionalidade e compromiso, é capaz de converterse nun auténtico motor de oportunidades, participación e desenvolvemento para a xuventude”.

Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, puxo en valor as novidades desta edición, entre as que destacan as novas categorías de patinaxe artística e teatro, que se incorporan ás xa consolidadas modalidades de artes plásticas, arte urbano, cociña, cómic, fotografía, danza moderna, deseño de xoias, DJ, moda, monólogo, novela e poesía.

Montes lembrou tamén que o Concello ampliou a súa aposta pola creatividade coa iniciativa “Todavía tes talento”, abrindo a posibilidade de participación ás persoas adultas para seguir impulsando o talento en todas as idades.

Así mesmo, subliñou que o concurso abre as súas portas aos concellos veciños das comarcas do Condado e A Paradanta, reforzando o seu carácter comarcal e converténdose nun espazo de encontro para a mocidade creadora do territorio.

Dende o Concello de Ponteareas continúase a traballar na promoción de iniciativas que impulsen a creatividade, o talento e a participación activa da cidadanía, consolidando proxectos que xa son referencia na provincia.

Comparte este artigo