A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, recibiron na Casa do Concello ás deportistas ponteareás Zaira Fernández e Sara Cousillas, integrantes da escola DA Vigo, para recoñecer os seus recentes logros no ámbito do baile deportivo, nos que ambas acadaron destacados resultados a nivel europeo e mundial.
No ano 2026, Zaira Fernández e Sara Cousillas proclamáronse campioas de Europa de baile deportivo en Cambrils, modalidade hip hop. Ademais, Zaira Fernández acadou dous ouros, mentres que Sara Cousillas logrou dous ouros e un bronce na competición europea.
No ano 2025, ambas deportistas foron tamén campioas do mundo de baile deportivo. Nesa edición, Zaira conseguiu un ouro, mentres que Sara acadou unha prata e un bronce, consolidando así unha traxectoria de éxito continuado a nivel internacional.
Durante o acto, a alcaldesa destacou o orgullo que supoñen estes éxitos para o conxunto da veciñanza, subliñando que “Zaira e Sara son un exemplo de talento, constancia e superación, e representan á perfección os valores do deporte. Os seus logros non só son froito do esforzo individual, senón tamén do traballo en equipo e do acompañamento das persoas que as rodean ao longo do seu camiño”.
A rexedora puxo en valor tamén a importancia de apoiar o deporte base e de visibilizar referentes locais que sirvan de inspiración para as novas xeracións, destacando que “é fundamental seguir impulsando o deporte como ferramenta de crecemento persoal e colectivo, e recoñecer publicamente o traballo de quen leva o nome de Ponteareas por toda Europa e o mundo”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes incidiu no compromiso, a disciplina e a capacidade de sacrificio que require alcanzar este nivel competitivo, sinalando que “detrás de cada recoñecemento hai moitas horas de adestramento, esforzo e dedicación. Pero tamén hai un equipo, familias, adestradores e compañeiros que forman parte fundamental destes éxitos”.
Con este recoñecemento institucional, o Concello de Ponteareas quere poñer en valor o traballo, a dedicación e os éxitos destas dúas deportistas, que levan o nome da vila ao máis alto nivel do baile deportivo e constitúen un exemplo de esforzo e compromiso para toda a cidadanía.

