O Concello convida a toda a veciñanza e colectivos ponteareáns a sumarse e participar este sábado 23, ás 19:00 horas, para revivir aquela celebración multitudinaria en Ponteareas hai 40 anos
O Concello de Ponteareas renderá homenaxe este sábado 23 de maio a unha das figuras máis emblemáticas do deporte ponteareán e galego: Álvaro Pino.
Coincidindo co 40 aniversario da súa histórica vitoria en ‘La Vuelta Ciclista a España’ de 1986, o Concello de Ponteareas e a organización da Sestelo-Clásica Álvaro Pino impulsan un acto institucional aberto á cidadanía para recoñecer a súa traxectoria e o legado que deixou no ciclismo e na historia da vila.
O acto celebrarase ás 19:00 horas diante da Casa do Concello e o goberno local invita a toda a veciñanza e a todos os colectivos deportivos, educativos, culturais, sociais, etc. a sumarse á celebración multitudinaria e revivir o momento da chegada de Álvaro Pino á súa vila hai 40 anos, recuperando a emoción e aquelas imaxes históricas que quedaron gravadas para sempre na memoria colectiva de Ponteareas.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez, sinala que “falar de Álvaro Pino é falar dunha das grandes referencias do deporte ponteareán e galego. O seu triunfo marcou a historia do ciclismo e tamén a memoria colectiva de toda unha xeración que viviu con orgullo aquel momento inesquecible”.
Rodríguez destacou ademais que “esta homenaxe é tamén unha forma de agradecer todo o que Álvaro segue representando para Ponteareas, polo seu compromiso co deporte e pola súa cercanía coa afección e co ciclismo base”.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destaca que “Álvaro Pino representa o esforzo, a humildade e o orgullo dunha vila que viviu con emoción aquel triunfo histórico de 1986. Corenta anos despois, Ponteareas quere volver dicirlle grazas por levar o nome do noso municipio ao máis alto do ciclismo internacional”.
Esta homenaxe celebrarase ademais na fin de semana da Sestelo-Clásica Álvaro Pino, unha cita xa consolidada no calendario ciclista e que cada ano reúne na vila a numerosos afeccionados e deportistas.

