O Concello de Portas reforza a súa proxección exterior coa celebración dun dos principais encontros da colectividade galega en Cataluña

Redacción

PORTAS CONVERTIRASE NA CAPITAL DA GALICIA EXTERIOR COA ENTREGA DOS PREMIOS ALECRÍN 2026

O alcalde Ricardo Martínez e a concelleira de Cultura, Ana Peña, destacan que a celebración da Xuntanza da Fegalcat no Auditorio da Azucreira reforza a proxección cultural e institucional do municipio.

O Concello de Portas acollerá o vindeiro 12 de agosto, ás 12.00 horas, no Auditorio da Azucreira, a celebración da Xuntanza Fegalcat 2026 e a entrega dos Premios Alecrín 2026, un dos actos máis destacados do calendario anual da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña, que converterá o municipio nun punto de encontro entre Galicia e a súa diáspora.

A presentación do evento correu a cargo do alcalde, Ricardo Martínez, e da concelleira de Cultura, Ana Peña, que destacaron a importancia de que Portas sexa a sede dunha cita de marcado carácter institucional e cultural, consolidando ao municipio como un referente na promoción da identidade galega e no fortalecemento dos vínculos coa emigración.

O alcalde Ricardo Martínez salientou que “é unha satisfacción que Portas acolla un encontro desta relevancia, porque supón situar ao noso concello no mapa da Galicia exterior e reforzar os lazos cos miles de galegos que manteñen viva a nosa cultura desde Cataluña. Este tipo de eventos tamén son unha oportunidade para amosar o potencial patrimonial, cultural e humano do noso municipio”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Ana Peña, subliñou que “a cultura é unha das mellores ferramentas para unir xeracións e territorios. Que a Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña escollera Portas para celebrar esta xuntanza é un orgullo e un estímulo para seguir impulsando unha programación cultural de calidade e aberta á participación de toda a cidadanía”.

A xornada reunirá representantes das entidades galegas asentadas en Cataluña, autoridades institucionais e membros do tecido cultural nun acto que servirá para distinguir persoas e colectivos que destacan pola súa contribución á promoción da cultura galega e ao fortalecemento da identidade da emigración.

Desde o Goberno municipal consideran que a celebración deste encontro constitúe tamén unha oportunidade para dinamizar a actividade cultural e social do municipio e para continuar consolidando Portas como un concello capaz de atraer eventos de primeiro nivel grazas ás súas infraestruturas e á colaboración entre administracións e entidades.

O evento conta coa colaboración do Concello de Portas, a Xunta de Galicia, o Xacobeo 2027, o Departament de Cultura da Generalitat de Catalunya, a Deputación de Barcelona e as Casas de Galicia en Barcelona, nun exemplo de cooperación institucional ao servizo da promoción da cultura galega e do fortalecemento dos vínculos coa colectividade galega residente en Cataluña.

Comparte este artigo