O concello de Salvaterra de Miño destaca o éxito de “Petiscos IKFEM” un encontro cultural único na fortaleza de Dona Urraca e Bodegas Fillaboa

Redacción

O Concello de Salvaterra de Miño valora moi positivamente a celebración da clausura de ‘Petiscos IKFEM’, unha proposta cultural previa ao XIV IKFEM Festival Tui-Valença que converteu o municipio nun dos escenarios desta experiencia transfronteiriza que une territorios, disciplinas artísticas e sensibilidades ao redor do río Miño.

A xornada, celebrada o pasado 27 de xuño coa colaboración do Concello de Salvaterra de Miño e Bodegas Fillaboa, ofreceu ao público unha programación exclusiva que combinou literatura, música, patrimonio e enogastronomía en dous espazos emblemáticos do municipio.

A Fortaleza de Dona Urraca foi o escenario do encontro literario protagonizado pola escritora Ángela Banzas, finalista do Premio Planeta 2025 e unha das autoras máis recoñecidas do panorama literario actual, nunha conversa coa xornalista Eva Vázquez Lima. O público puido achegarse á súa traxectoria e coñecer de preto a súa visión creativa nun contorno histórico de gran valor patrimonial.

Xa pola tarde, Bodegas Fillaboa acolleu o concerto da soprano Laura Molina, unha das novas voces líricas con maior proxección e galardoada por Juventudes Musicales de España. A actuación estivo acompañada dunha visita previa aos viñedos da adega e dunha cata de viños posterior, completando unha experiencia cultural e sensorial ligada á paisaxe e á identidade de Salvaterra de Miño.

Desde o Concello de Salvaterra de Miño salientan que iniciativas como ‘Petiscos IKFEM’ contribúen a poñer en valor o patrimonio local, promover a cultura e reforzar o papel do municipio como un territorio aberto á creación artística e ao intercambio entre Galicia e Portugal.

Comparte este artigo