O concello de Salvaterra de Miño tramita dúas subvencións por importe de máis de 100.000€ para seguir mellorando na dixitalización do ciclo integral da auga

Redacción

O Concello de Salvaterra de Miño ven de tramitar dúas subvencións de AUGAS DE GALICIA, unha para minimizar as perdas de auga e outra para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipal, por un importe de máis de 100.000 euros e que busca seguir mellorando a dixitalización de todo o ciclo integral da auga.

Por un lado realizarase unha intervención en dixitalización nas catro estacións de bombeo de augas residuais que quedaban pendentes, xa que as outras foron realizadas no ano 2025, permitindo mellorar a xestión e o control destas estacións. Unhas actuacións recollidas no Plan de actuación municipal para reducir as infiltracións na rede de saneamento. Estas obras consisten na substitucións de cadros eléctricos, instalación de sistemas de tele xestión e supervisión remota, instalación de sistema de visualización do nivel do pozo e a instalación dun sistema de control de niveis. Proxecto que conta cun orzamento de 53.734,38 euros.

A outra actuación a realizar vai encamiñada a minimizar as perdas de auga. As actuación presentadas enmárcanse dentro do Plan municipal de actuacións para minimizar as perdas de auga. As actuacións a executar este ano van dirixidas a implantar sistemas de sectorización, tele control e medición que permitan mellorar o coñecemento do funcionamento hidráulico da rede e polo tanto reducir as perdas de auga existentes, así como controlar a presión da propia rede. Esta actuación contempla a execución de distintas actuacións de dixitalización e sectorización da rede, incluíndo a instalación de contadores Woltmann con emisor de pulsos, sondas dixitais de presión, estacións remotas de tele control, válvulas redutoras de presión e diferentes elementos de regulación e monitorización hidráulica e a reposición e mellora de elementos deteriorados da rede. Unha actuación de máis de 53.000 euros.

Comparte este artigo