O Concello de Soutomaior vén de aprobar as bases reguladoras e a convocatoria das axudas municipais destinadas á adquisición de material escolar para o curso 2026-2027, unha iniciativa que busca apoiar ás familias do municipio e garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación.
O alcalde, Manu Lourenzo, e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, informaron nesta semana que o Goberno local destinará un total de 4.500 euros para contribuír aos gastos derivados da compra de material escolar do alumnado matriculado en Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato nos centros educativos de Soutomaior, así como do alumnado empadroado no concello que curse Bacharelato, Formación Profesional ou PCPI noutros centros.
Estas axudas teñen un marcado carácter social e estarán destinadas ás familias con menores recursos económicos. O sistema de concesión terá en conta a renda familiar, co obxectivo de favorecer especialmente aquelas unidades familiares que poidan atoparse en situacións de maior vulnerabilidade económica.
As contías máximas das subvencións serán de 50 euros para o alumnado do primeiro ciclo de Educación Infantil e de 70 euros para o alumnado do segundo ciclo de Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e PCPI.
O material subvencionable inclúe produtos de uso habitual nas actividades educativas, como cadernos, lapis, bolígrafos, rotuladores, material de manualidades ou libros de lectura obrigatoria, quedando excluídos expresamente os libros de texto.
Co obxectivo de apoiar e dinamizar o tecido comercial local, as compras deberán realizarse obrigatoriamente en establecementos do Concello de Soutomaior.
Poderán beneficiarse destas axudas as familias empadroadas no municipio durante todo o curso escolar, que cumpran os requisitos económicos establecidos nas bases e que teñan fillas ou fillos matriculados nos niveis educativos contemplados na convocatoria.
O prazo para presentar as solicitudes será de dez días hábiles dende o 2 de xuño ata o 15 de xuño ambos inclusive. A documentación poderá presentarse no Rexistro de Servizos Sociais do Concello ou a través dos medios establecidos na lexislación vixente.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “estas axudas son unha ferramenta para aliviar o esforzo económico que supón o inicio do curso escolar para moitas familias e, ao mesmo tempo, reforzar o noso compromiso coa igualdade de oportunidades e co apoio ao comercio local”.
As bases completas da convocatoria estarán dispoñibles en https://soutomaior.sedelectronica.es/preview-document/55480733-3c77-457a-850e-1c582e7da1f3/

